DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"The black shoe" gaña o primeiro premio do Certame de fotografía xurídica San Raimundo de Peñafort

Iván Fernández, estudante de cuarto curso de Dereito, é o autor da obra

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 20/05/2009

Con motivo da celebración do seu patrón, San Raimundo de Peñafort, a Facultade de Dereito incluíu entre os seus actos conmemorativos o I Certame de fotografía xurídica no que participaron alumnos, profesores e traballadores do centro con imaxes cuxa temática xiraba arredor da desigualdade social. Agora, meses despois, chegou o momento de desvelar aos gañadores do concurso e coñecer as fotografías premiadas. O xurado, composto por delegados, subdelegados e representantes de alumnos, valorou de xeito especial á hora de emitir o fallo o aspecto artístico e xurídico das imaxes, entendendo por este último que as obras reflectisen unha clara situación de desigualdade social.
Tras as deliberacións do xurado para “decidirse entre as fotografías de 20 participantes”, indicou Iago Fariñas, secretario do certame, o fallo foi o seguinte: o primeiro premio foi parar ás mans de Iván Fernández pola súa fotografía The black shoe, que amosa a un mendigo na rúa; a prata foi para Elena González e a súa imaxe Constitución Española, Art. 47, na que se ve unha chabola debaixo dunha pasarela; finalmente o terceiro galardón recibiuno María Álvarez pola fotografía Siempre presente, esta imaxe é quizais a máis difícil de comprender nun primeiro momento, pero claramente amosa como a desigualdade tamén está nos cemiterios. Os tres premiados recibiron respectivamente un mini ordenador portátil, unha cámara dixital e un reprodutor MP3 IPOD.
Segundo comentou Fariñas, moi contento polo nivel de participación, “agardamos que o próximo ano se volva a celebrar o certame e que poidamos ter máis e mellores premios”.
Todas as fotografías participantes pasarán a formar parte dos arquivos da facultade e serán expostas nunha mostra nas dependencias do centro durante varios meses; ademais tamén serán colgadas na súa páxina web.

Os premiados e as súas fotografías

Entre todos os participantes, eles foron os escollidos, o motivo: as súas imaxes. O primeiro premiado, Fernández, decidiu presentarse ao concurso “por participar”. A súa fotografía, The black shoe está tomada en O Carballiño, no poboado xitano de Fontela, “camiñando pola rúa atopeime con esta persoa e pregunteille se lle podía sacar unha foto”, explica Fernández. No caso de González, a segunda premiada, “xa tiña claro onde buscar para o concurso, coñecía o sitio, que é aquí en Ourense, e pareceume unha boa fotografía porque é un claro exemplo de desigualdade social”, indica González. Para Álvarez o proceso foi diferente, “intentando sacar as outras imaxes ocorréuseme esta que amosa unha desigualdade que non sempre se ve”.