DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou por 13 a 19 o seu primeiro partido a domicilio dende que está en División de Honra

O Blusens Universidade estrea o ano cunha ansiada vitoria

Blanco e Wyper retornaron ao equipo para enfrontarse ao Hernani, ao que non venceran en casa nunha d

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 14/01/2013

Comeza o ano con moitas novidades para o Blusens Universidade de Vigo: retorno de medio cadro de persoal ao e esperanzador arranque do 2013 con vitoria, a segunda no que vai de tempada e a primeira que consegue a domicilio dende a súa incursión na División de Honra hai xa dous anos. A pesar de presentarse como un bloque sólido, o Hernani sucumbiu ante o equipo vigués e perdeu por 13 a 19 dando aos de David Monreal catro puntos de ouro de cara a conseguir a permanencia. Unha vitoria que ademais ten dobre sabor doce, xa que o Blusens non conseguira gañar a domicilio ao club vasco na última década.

Loita no barro ante 700 persoas no difícil campo de Landare Toki, no que a choiva non permitiu facer a ningún dos equipos nin moito xogo nin moitos puntos. O Blusens chegaba ao País Vasco mentalizado de que co novo ano tiña que vir unha nova etapa, así que saltou ao campo moi organizado e situado en todas as súas liñas, levando a iniciativa de xogo, mostrando alternativas e intentando sobre todo aproveitar a liña de tres cuartos. A pesar do xogo pechado en dianteira do Hernani, os vigueses roubaban os balóns de xeito intelixente e facía aos vascos cometer golpes no seu propio campo. Sen embargo, pouco antes de chegar ao descanso, ocorreu a xogada polémica da xornada: a expulsión do xogador vigués Latu Talakai por vermella directa tras unha suposta agresión a un rival sobre a que a revisión do vídeo arroxa as súas dúbidas. Rematou a primeira parte cun 6-9 no marcador.

Xa no segundo tempo, superioridade numérica para o Hernani que o Blusens Universidade de Vigo soubo contrarrestar cun xogo intelixente e poucos erros, mantendo o control do partido e as ideas claras a pesar das continuas embestidas locais. A xogada definitiva do partido chegou no minuto 65, cando nunha xogada persoal Maguna escapou nun ruck e posou o oval moi centrado para que Moeke dunha patada puxera o 6 a 19 no marcador. A partir dese intre o Hernani xogou case a desesperada pero só acadou un ensaio baixo pau que deixou o contador definitivo a un 13-19. Triunfo que lle da ao Blusens un respiro a pesar de que continúa como pechacancelas ao empatar a puntos con La Vila e ter un partido menos. A próxima xornada, en casa fronte ao Atlético de Madrid.

Regreso a filas

Co inicio de ano o Blusens Universidade tamén conseguiu recuperar e reforzar o seu arsenal: Carlos Blanco reincorporouse tras cumprir os seus compromisos coa selección española, que só lle permitiron disputar dous partidos co club vigués; Mclaren y Wyper xa están plenamente operativos tras as súas lesións; e debutou o samoano Isaia Tuifua, que acababa de aterrar en Vigo tras o seu paso polo Taranaki neozelandés.