DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo vigués cae 40 a 13 ante o VRAC Quesos Entrepinares

O Blusens Universidade estreouse con derrota na Copa do Rei

O Servizo de Deportes organiza unhas xornadas de iniciación ao rugby feminino

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 15/10/2012

O gran traballo defensivo e as xogadas de ataque desde calquera parte do campo, non lle bastaron ao Blusens Universidade para estrearse cunha vitoria no seu debut na Copa do Rei fronte ao VRAC Quesos Entrepinares. O 40 a 13 final do partido disputado no campus de Vigo non reflicte o que moitos consideran que foi o mellor encontro do Blusens Universidade no que vai de temporada no que foi quen de recuperar a proposta ofensiva que desexa o técnico Monreal.

Na primeira parte do encontro que rematou cun parcial de 3 a 21 o Blusens Universidade comezou aguantando os 10 primeiros minutos de ataque pucelano, do que foi quen de saír en contraataque para gañar un golpe a favor en campo contrario, moi centrado, que permitiu a Wyper acadar o 3 a 0 inicial. A partir do minuto 20 o VRAC Quesos Entrepinares encadeou tres ensaios que lle permitiron chegar ao descanso cun parcial de 3 a 21. No inicio da segunda parte, o equipo vigués avanzou no marcador ata acadar un resultado de 8 a 21 que os pucelanos apresuráronse a transformar logo de varios ensaios nun 8 a 35. As lesións de Mclaren e Basislis e a incapacidade para transformar algunhas xogadas impediron ao Blusens Universidade maquillar o resultado final de 13 a 40 nun partido no que cómpre destacar las filas viguesas o debut de Pedro González, xogador de 19 anos.

Tras dúas semanas sen competición, a liga regresará o 4 de novembro coa visita a Vigo do Ciencias de Sevilla, un encontro para o que o Bluesens espera ter incorporado dous ou tres reforzos, así como recuperado da súa operación de peritonite a Adrián Fernández.

Achegamento ao rugby feminino no campus

Organizadas polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo entre o 24 de outubro e o 15 de novembro celebraranse as xornadas de iniciación ao rugby feminino 2012. Con sesións teóricas e prácticas de tres horas de duración, as oito xornadas rematarán coa celebración dun torneo. A inscrición que estará aberta ata o 22 de outubro é totalmente gratuíta e a realización das xornadas que teñen unha duración de tres horas permitirá obter ás participantes un crédito ECTS.