DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu debut o equipo vigués perdeu 16 a 20 ante o Hernani CRE

O Blusens Universidade fragua a súa derrota nos derradeiros 20 minutos

Ante 600 espectadores no campus vigués

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 17/09/2012

Tras 76 minutos de dominio, o Blusens Universidade de Vigo non foi quen de xestionar a súa vantaxe ante o Hernani CRE nos derradeiros 20 minutos do primeiro encontro de Liga da temporada 2012-2013. A pesar das ausencias por lesión de Blanco e Rule e a de Robb ao non chegar o seu transfer a tempo, o equipo vigués manexou ben os tempos durante máis dunha hora, ante un rival incapaz de superar a defensa do Blusens Universidade.

Dous golpes de castigo de Adolfo Uruburo abriron o marcador para o equipo vigués que chegaría ao descanso cun resultado de 6 a 3. Na segunda parte e tras manterse por diante no marcador, os derradeiros 20 minutos foron de total desconcerto para o Blusens Universidade que perdeu o rumbo dun partido que tiña controlado. Tres ensaios dos vascos en 15 minutos que ademais xogaron con dous homes máis polas tarxetas amarelas de Berlande e Katsakos, derivaron no 16 a 20 final. Algunhas accións de pick and go da dianteira e unha touche moi efectiva dos dianteiros, xunto coa consolidación de Parga, Fernández, Uruburo e González nos tres cuartos, con boa defensa e levando perigo no ataque, foron os aspectos máis salientables dun encontro no que a cara negativa estivo protagonizada polo baixo rendemento dalgúns xogadores.

O vindeiro sábado o equipo vigués xogará o seu segundo partido, para o que agardan poder contar con Robb, ante o Rugby Atlético de Madrid na capital de España.