DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Perderon 34-0 e volven ao último posto da táboa

O Blusens Universidade volve de Biscaia cunha derrota ante o Gernika

Os vigueses xogaron dende o minuto 24 cun home de menos

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 12/11/2012
A pesar do que semella un marcador de 34-0 ao remate do partido, o encontro do Blusens Universidade de Vigo ante o Gernika foi un duelo moi disputado. Pero os números mandan e os vigueses volven para casa sendo últimos da clasificación da División de Honra e o Gernika afiánzase no liderado.

Unha das claves do encontro foi a expulsión de Katsakos no minuto 24 por dobre tarxeta amarela, unha por reiteración de foras de xogo do equipo en defensa e outra por placaxe alto. A amarela vista tamén por Campbell, por responder a unha puñada dun rival, fixo que o Blusens xogase durante 5 minutos con só 13 xogadores baixo unha intensa chuvia e mermado polas lesións e polas convocatorias da seleccións española. Con todo, os vigueses plantaron cara ao conxunto vasco, que tivo que agardar ata o último suspiro para sumar un bonus ofensivo que moitos daban xa por perdido.

Unha vitoria traballada

A pesar da diferenza entre equipos na táboa, durante os primeiros corenta minutos, ao Bizkaia Gernika custoulle arrancar e meterse no partido ante un Blusens ben plantado en defensa, pero que en ataque mostrou moi pouco. Ao descanso chegouse cun 20-0 nun marcador que viu ampliada a diferenza polas amarelas viguesas.

Xa na segunda metade, os gernikarras semellaban máis asentados no campo, pero o partido acabou poñéndose duro e pesado baixo unha intensa choiva. A pesar da inferioridade numérica, o Blusens Universidade tivo tamén as súas opcións de anotar e apertou ao Gernika durante varios minutos, accións que os vascos salvaron sobre a mesma liña de marca. Cando xa todo o mundo daba por feito o 20-0 final, o Gernika foi quen de acadar o terceiro ensaio no minuto 76. Tan só tres despois, chegou a cuarta e definitiva marca local. Os vigueses, por mor da vitoria do Getxo, caen ata o último posto da táboa pero co bo sabor de boca do debut de Johnstone, que aportou poderío á dianteira e consistencia á melé. Con todo, queda a dúbida de como tería sido o resultado con dous equipos de 15 xogadores sobre o campo.

Agora, ao Blusens Universidade quédanlle dúas semanas de preparación para enfrontarse ao Getxo, que saíu da última posición, e coñecer a evolución dos lesionados e a posible chegada dun apertura, posto clave no que o equipo vigués non ten ningún xogador natural.