DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle o ciclo ’30 anos non é nada: bosquexos sobre a comedia estadounidense’

Bo cine para botarse unhas risas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 05/10/2011

A Casa das Campás vólvese converter de novo nunha sala de cine alternativa acollendo desta vez un ciclo dedicado á comedia americana. Trátase das xornadas 30 anos non é nada: bosquexos sobre a comedia estadounidense, coordinadas por Suso Novás, que botan a andar este venres 7 de outubro ás 19.30 horas e que se manterán “en pantalla” ata o vindeiro 11 de novembro. Esta nova cita co sétimo arte dará a coñecer a evolución das películas de humor dende os anos 70 ata a actualidade cun total de seis conferencias abertas a toda a cidadanía “e nas que todo o mundo poderá participar e opinar”.

Como aclara Suso Novás, a comedia é un dos xéneros máis representativos da industria cinematográfica estadounidense, sendo o mellor que reflectiu as mutacións sociais, estéticas e políticas acontecidas no país, polo que o ciclo de conferencias tentará aproximarse a algunhas das prácticas máis representativas do heteroxéneo imaxinario do humor americano das últimas décadas. A finais dos anos 70, os estudos de mercado ratificaron que a mocidade era a principal consumidora da industria cultural popular polo que Hollywood tentou atraer a ese público ao cinema ofertando longametraxes que reflectiran os seus gustos, intereses e desexos ou onde eles foran protagonistas ou parte fundamental da trama. Unha das máis e exitosas fórmulas son as comedias que vertebran os seus argumentos sobre as aventuras de grupos de mozos. Tamén eran habituais as prácticas lúdico-reflexivas cheas de ironía, historias con certo grao de veracidade e as parodias.

Programación

Así este venres inaugurará as xornadas o propio Suso Novás cunha conferencia titulada Boys from another planet: a xeración dos noventa. A seguinte cita será o 14 de outubro a cargo de Isabel Martínez, profesora da Universidade de Vigo, que impartirá o relatorio Flirteando co real: do mockumentary á non ficción. M. Fernández Labayen, profesor da Universidade Carlos III visitará a Casa das Campás o 21 de outubro e afondará nas distintas fórmulas da comedia, dende as secuelas ata os sketches, e o día 28 J.M. López, membro de Cahiers du Cinema España falará sobre a comedia adolescente. O primeiro venres de novembro Jordi Costa, crítico de cine, impartirá un relatorio sobre o humor cooperativo e pechará o ciclo o 11 de novembro Jaime Pena, xefe de programación da CGAI, coa conferencia Maiores con reparos: cara un humor de adulto?.