DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os muros de Alterarte énchense de lembranzas dos seus visitantes

Un bo sitio para deixar un recordo

A mostra está aberta ao público ata o 15 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/06/2011
“Contar ata dez en alemán nos brazos de meu avó”, “a vergoña daquela reacción desproporcionada”, “pasar a tarde con 25 pesetas”, “a impotencia de non poder facer máis”, “o día que nos despedimos na gasolineira despois de discutir” e un largo etcétera de recordos enchen xa as paredes da Sala Alterarte. Forman parte da intervención Alivio, da creadora Andrea Costas e a comisaria Chus Martínez, que convidan aos visitantes a escribir nos muros da sala para honrar ou deixar ir algunha lembranza ancorada na súa vida.

A exposición, inaugurada o 13 de maio no campus de Ourense, é a cuarta do proxecto Estado Crítico. 10 comisarios 10 artistas, que trae á Sala Alterarte proxectos realizados por artistas emerxentes e comisariados por críticos de arte. A proposta de Andrea Costas e Chus Martínez ocupa a sala cun manto de flores naturais que cobren todo o chan e uns muros cubertos por cintas para ramos onde os visitantes poden escribir os seus recordos.

Desde que foi inaugurada as flores do chan foron paulatinamente perdendo a súa frescura e secándose e as paredes brancas enchéndose de palabras que agochan tras de si moitas historias. Deste xeito a mostra cumpre a súa pretensión de interaccionar co público e a súa memoria e de evolucionar como o fan as lembranzas. O seu obxectivo final é convidar á reflexión sobre a ausencia das persoas queridas, o dó necesario e a memoria.

A mostra, aberta ao público e de balde, estará na Sala Alterarte, no Pavillón I do campus de Ourense, ata o 15 de xullo, con espazo aínda nos seus muros para máis recordos dos visitantes.