DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto pilótase cos alumnos do grao en Belas Artes

Boa acollida dos estudantes á iniciativa de envío das cualificacións por sms

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Camino Carballeira DUVI 11/06/2009

Os cento sesenta caracteres dun sms dan para moito. Concertar unha cita, felicitar un cumpreanos, felicitar o Nadal, declarar amor e agora tamén para coñecer as cualificacións dos exames. Os alumnos do grao en Belas Artes están vivindo a experiencia piloto de recibir as cualificacións dos exames nos seus móbiles. Farano “aqueles que dean o seu consentimento expreso para recibir estas mensaxes”, explica a vicexerenta do campus, Ángeles Hermida. Os textos enviaranse en canto os docentes inserten as cualificacións na secretaría virtual. Rápido, cómodo e seguro, o novo sistema de comunicacións forma parte das posibilidades que abre a plataforma Xescampus, que se pilota no centro aproveitando os cambios que a integración no Espazo Europeo de Educación Superior trouxo.
As mensaxes incluirán o título da materia, a cualificación obtida e un recordatorio da data de revisión. “A campaña informativa para que os alumnos dean a súa autorización expresa á comunicación das notas vía sms comezou hai quince días”, segundo explica Hermida, e está sendo moi ben acollida. Os alumnos destacan a comodidade de recibir esta información nos seus terminais e gaban a idea. Tamara, alumna de terceiro, comenta que lle parece “unha idea xenial e moi boa para os que somos de fóra e en xuño marchamos de Pontevedra”, explica. O mesmo sinala Ana que, aínda que de momento non cubriu o impreso de autorización, sinala a conveniencia desta iniciativa “porque no expediente de Internet, as notas tardan moito en aparecer”. O seu compañeiro Juan, amosa o seu acordo e bromea: “menos mal que nolos van enviar a nós e non aos pais”.

Migración cara a unha nova plataforma

Belas Artes están sendo un centro piloto na posta en marcha da secretaría virtual da nova aplicación informática de xestión, Xescampus, que gradualmente irá substituíndo ao sistema Xesta. En setembro, todas as bases de datos do antigo sistema migrarán a este modelo que conta coa vantaxe de ser o mesmo que se emprega nas outras dúas universidades galegas e facilitará o intercambio de información.
Para que os docentes poidan habilitar todas as ferramentas que ofrece Xescampus no centro xa se están habilitando as sinaturas electrónicas (que requiren un programa da Fábrica de Moeda e Timbre). Deste xeito, os profesores disporán de todos os documentos necesarios para desenvolver a súa actividade a través dun punto único de acceso. A xestión electrónica das listas, xeración de actas, creación de históricos de cualificacións e outro tipo de estatísticas son algunhas das opcións que inclúe.

Avisos de programación cultural no móbil

De todas formas, a comunicación entre a Universidade e os seus alumnos vía sms non é nova. Aqueles que o desexan xa reciben as novidades da programación cultural (concertos, teatro, espectáculos de rúa, ciclos de cine ou conferencias) no seu móbil previo rexistro na web http://sms.uvigo.es.