DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha boa defensa e un xogo rápido deron a vitoria aos xogadores do Campus Universitario

Cun resultado final de 80-67

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 03/11/2008

Un mal comezo de partido non minou a moral dos xogadores do Campus que finalmente conseguiron gañar ao Compañía María Asesoría Espiñeira cun resultado de 80-67. A primeira parte do xogo “foi lenta e aos xogadores custoulles estar no partido, especialmente no segundo cuarto, no que rematamos co parcial perdido”, comentou o adestrador Javier Pérez. Sen embargo, tras este inicio nada favorable, conseguiron remontar “cunha boa defensa que nos repercutiu á hora saír máis rápido ao ataque e conseguir dese xeito bastantes puntos fáciles”, relatou Pérez. Nesta segunda parte o Campus Universitario conseguiu unha vantaxe de case dez puntos por cuarto que os levou a vitoria. “Logramos roubar varios balóns, anotar con facilidade dende fóra e estivemos acertados tanto nos tiros de tres como debaixo do aro”, concluíu o adestrador.

Próximos partidos

O Campus Universitario masculino xogará a oitava xornada da liga o domingo día 9 ás 19.00 horas en Padrón. O rival desa tarde será o clube Grúas Estación Padrón, un equipo veterano ao que resulta complicado gañarlle no seu terreo de xogo. Porén, “o equipo está nun momento de boa de forma polo que non descartamos conseguir un resultado positivo”, comentou Pérez. Trátase nesta ocasión dun equipo “con xente moi grande pero algo lentos”, engadiu o adestrador, polo que os xogadores do Campus tentarán facer valer as súas características de xogo.
No tocante ao equipo feminino e tras unha fin de semana de descanso, enfrontaranse na sexta xornada ao Pavillón Ourense. O partido xogarase ás 17.00 horas no Pavillón do campus.