DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables da actividade fan balance e sinalan as claves do seu éxito

O En Boa Forma consolídase como o mellor programa para fomentar hábitos saudables

Os usuarios, que suman xa un total de 44, amosan a súa satisfacción co servizo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 15/03/2010

Habitualmente as actividades promovidas polo Servizo de Deportes teñen unha boa acollida entre a comunidade universitaria do campus, pero hai unha que este curso está desbordando expectativas: o programa En Boa Forma. Desde que se iniciou á volta do Nadal van xa 44 usuarios, dos que 16 son mulleres e 28 homes. Ademais, o 80% son estudantes, mentres que só un 20% son PDI ou PAS. O coordinador do programa, Rubén Núñez Andrade, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ten claras as claves dese éxito. “Persoalmente creo que radica no servizo conxunto que ofrecemos, cunha revisión médica e un adestramento personalizado a partir dela, evidentemente cuns obxectivos saudables, ademais da flexibilidade de horarios”, destaca.
Pola súa parte, Carlos Paredes González, tamén licenciado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e encargado de atender aos usuarios do programa polas tardes, subliña a “sorprendente” resposta que acadou este ano en comparación co curso pasado, ao que considera que contribuíu “a importante difusión que se fixo dende a Universidadetamén no DUVI”. “Ao repetirse a actividade hai un maior coñecemento dela. Isto, sumado a todas as súas vantaxes –a concesión dun crédito, a revisión médica, a atención personalizada, o agasallo dun pulsímetro... –, animou á xente”, apunta.

Condicións físicas heteroxéneas

Para confeccionar os programas de exercicios téñense en conta as condicións físicas de cada persoa e ao seu estado de saúde, o que vén determinado no informe médico, así como á súa experiencia deportiva anterior. Rubén Núñez sinala neste sentido que o punto de partida é heteroxéneo e que a gran maioría son persoas sen patoloxías graves. Boa parte deles son alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte, polo que indica que “se anotan persoas que polo xeral están ben fisicamente”. “Con todo, na revisión médica sempre se lles encontra algún punto fraco ou debilidade do que non eran conscientes”, puntualiza, engadindo que, mediante un programa personalizado de exercicio isto pode paliarse.
Carlos Paredes sinala tamén estar sorprendido co estado de forma xeral dos usuarios, que cualifica como “aceptable”. “Hai unha gran diversidade, tamén hai xente en baixa forma e algúns que están moi ben porque practican deportes de alto rendemento”, afirma.
Os dous responsables da sala de cardio-fitness sinalan como obxectivos finais do programa que os usuarios adquiran uns hábitos deportivos saudables e que incorporen a actividade física ao seu estilo de vida. “Para isto é moi importante que as persoas consigan ter unha autonomía suficiente no ximnasio”, explica Núñez Andrade. “O importante é que saian mellor do que entraron e que collan autonomía para poder autoadestrarse, executando os exercicios correctamente”, indica Paredes González. Outros obxectivos, segundo Rubén Núñez, son “buscar prácticas efectivas en cada caso e, ao mesmo tempo, que sexan divertidas”.

Satisfacción xeral entre os usuarios

Andrea Iglesias é unha das usuarias habituais da sala de cardio-fitness do campus. Coñeceu o En Boa Forma a través dunha compañeira da facultade e decidiu apuntarse para mellorar a súa condición física. Estuda segundo curso da Licenciatura de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e sinala que antes de comezar a carreira levaba tempo sen facer deporte. “Antes facía patinaxe, pero deixeino hai 5 anos e agora necesitaba activarme”, confesa. Amosa a súa satisfacción co programa, do que destaca “o feito de ter un monitor que che marca todo o tempo o que tes que facer e que vixía que o fagas ben”, algo que pensa que “é difícil de atopar noutros sitios”.
Andrea adoita coincidir no ximnasio con Marta Cochón, quen practica remo e asiste habitualmente a competicións. Foi así como coñeceu o En Boa Forma, que considera un bo complemento para a súa preparación física, polo que ten claro que repetirá na súa seguinte convocatoria. Con todo, ten unha queixa: “cando hai moita xente as máquinas de cambio non son abondas”.
Pola súa parte, Eusebio Domínguez, estudante da titulación de Educación Física, levaba ano e medio sen practicar deporte con frecuencia. O programa parécelle “novidoso” e “unha boa maneira de cambiar a rutina diaria”. O seu obxectivo é “mellorar fisicamente e gañar volume muscular”. Di que xa comeza a notar o cambio, tendo en conta que vai ao ximnasio todos os días. Por iso, pola atención personalizada e pola boa oferta económica considera que é un bo servizo.

Motivacións e frecuencia

En canto as motivacións dos usuarios, Rubén Núñez apunta, dunha banda, “unha maior porcentaxe dos que o fan para manter unha boa forma física ou mellorar o seu rendemento en actividades deportivas, moitos deles alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte”. Doutra banda, cita unha gran porcentaxe de persoas “que o fan co obxectivo de poñerse un pouco en forma dun xeito saudable e aprender a manexarse con autonomía nunha sala de fitness”. As motivacións son variadas segundo Carlos Paredes: “van desde o que indica o propio programa, que é poñerse en forma, ata baixar de peso, acadar unha maior tonificación muscular, unha maior flexibilidade ou por prescrición médica”.
Ante o risco de abandono os responsables do programa consideran que o principal é xerar o hábito para que logo sexa máis doado continuar. “Tentamos que a xente teña unha boa experiencia e que o programa non caia na monotonía”, di Rubén Núñez. De momento funciona e a xente está acudindo unha media de 2-3 días á semana.
Manter esa frecuencia é importante para o responsable do programa, que lamenta que “no mundo de hoxe, hábitos nocivos como o sedentarismo, unha elevada inxesta calórica, o alcohol e o tabaco estean collendo protagonismo na comunidade universitaria”. O Servizo de Deportes propón o En Boa Forma como alternativa, unha vía para levar un bo ritmo de vida e mellorar a saúde, e para avanzar neste camiño de cara ao vindeiro curso haberá unha novidade: a edición dunha guía de exercicios saudables, que abordará tamén toda unha serie de tópicos e falsos mitos sobre o exercicio físico. “Virá a complementar o carácter formativo deste programa, para que os nosos usuarios teñan un maior coñecemento sobre os exercicios fan”, conclúe Núñez Andrade.