DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro Martínez, da Unidade Técnica, impartiu un relatorio sobre a sustentabilidade no campus

As boas envolventes dos centros do campus supoñen un aforro enerxético do 20%

A Escola Infantil é o primeiro edificio da Universidade con alta cualificación enerxética polo seu c

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 05/10/2011

Cando se fala de sustentabilidade dun lugar tense por costume asocialo ao emprego de enerxías renovables, pero “vai máis aló, ou polo menos na forma en como a concibe a Universidade”. Eficiencia enerxética, control de consumo, accesibilidade… son algunhas das estratexias nas que afondou Alejandro Martínez, membro da Unidade Técnica da Universidade de Vigo, ao abeiro dun relatorio impartido na Casa das Campás, unha intervención na que destacou por riba de todo as vantaxes que supón a instalación dunha boa envolvente nos centros, “o que se traduce nun aforro enerxético do 20% en cada un dos edificios”.

Co obxectivo de lograr “unha optimización dos recursos naturais para cubrir as necesidades actuais sen afectar ás xeracións vindeiras”, Alejandro Martínez salientou en primeiro termo os beneficios das medidas pasivas na procura da eficiencia enerxética. Estas técnicas intentan aproveitar ao máximo os recursos da contorna grazas a un deseño adecuado do edificio, que se consegue empregando “illantes térmicos, equipos de climatización, orientación das ventas con respecto ao sol, ventilación natural, protección solar…”. Baixo esta perspectiva de aforro enerxético, unha das principais medidas que a Unidade Técnica levou a cabo no campus foi a remodelación das cubertas e das fachadas das Facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación, da Facultade de Fisioterapia, da Facultade de Belas Artes, da Escola de Enxeñaría Forestal e do Pavillón Deportivo “construíndo unha pel boa que limita o consumo e evita que entre calor en verán e a súa perda no inverno”.

A Escola infantil, exemplo de sustentabilidade

Pero o espazo que foi concibido dende un principio como un edificio pasivo, foi a Escola Infantil, “converténdose no primeiro centro da Universidade con alta cualificación enerxética”. Dende o seu deseño en plano “tívose claro que se quería aproveitar ao máximo os beneficios da contorna do Lérez”, polo que construíron unha boa envolvente con grandes cristaleiras “que permitisen aproveitar o sol e as excelentes vistas”. A gardería emprega ademais biomasa como fonte de enerxía e unhas placas solares que cobren arredor do 70% das necesidades anuais de auga quente.

Igualmente, a Vicerreitoría decidiu instalar sistemas de enerxías renovables en outros centros do campus para reducir os consumos eléctricos e de calefacción. Deste xeito, A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte conta xa con 17 paneis solares térmicos para quentar auga “o que supón un aforro de 2000 euros anuais” e cun sistema de ventilación forzada que permite mellorar a calidade do aire “e reducir o consumo de combustible para calefacción”. Nestes momentos estase instalando na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación unha rede de paneis fotovoltaicos “para frear o seu consumo eléctrico” e no futuro tamén contará cunha pequena estación meteorolóxica “que medirá datos de vento, radiación solar e pluviometría", facendo posible o deseño de estratexias "que aproveiten os beneficios da contorna”. Todas estas medidas de aforro supuxeron unha redución dos consumos totais tanto de electricidade como de gasoil.

Outra das medidas pioneiras no campus foi a da elaboración de manuais de mantemento para os edificios xa construídos. “Aínda que na actualidade a lei esixe que os novos centros conten cun libro de mantemento, nós decidimos editar un manual de uso para os edificios antigos, recollendo unha serie de recomendacións preventivas e substitutivas para alongar a vida útil do inmoble”, concluíu.