DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recollidas por primeira vez na Red Telescopi, que reúne entidades de 25 países de Europa e Latinoamé

Boas prácticas dende a Universidade de Vigo para o mundo

Un comité de expertos destaca a ferramenta para a automatrícula posta en marcha e a aplicación do Pl

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 08/07/2011

Un conxunto de boas accións que dan un excelente resultado e que poden ser exportables co mesmo éxito a outras institucións, neste caso, universidades. Esas son as boas prácticas, que a Universidade de Vigo acaba de colocar nun escaparate internacional despois de que a Red Telescopi, a Red de Observatorios de Buenas Prácticas de Dirección Estratégica Universitaria en Latinoamérica y Europa da Cátedra Unesco de Dirección Universitaria de la Univesitat Politécnica de Catalunya, recollera por primeira vez dúas accións levadas a cabo pola universidade viguesa: o enfoque e despregue da política e estratexia no ámbito da xestión coa aplicación do Plan Avante e a ferramenta visual e sonora adaptada para o apoio e fomento da automatrícula por internet. “Significa que imos polo bo camiño e que podemos servir de referente a outras universidades ou organismos cara os que nos miramos”, asegura Ángeles Hermida, directora da Área de Xestión Académica.

A idea de presentar estas dúas boas prácticas xurdiu tras levar dous carteis a unhas xornadas de Excelencia da Xestión Universitaria de Cádiz, onde a presentación do póster A planificación da calidade no ámbito da xestión da Universidade de Vigo-Retribucións e Seguros Sociais foi elixida mellor sesión de comunicación das xornadas. “Levamos a cabo proxectos moi lentos e custosos economicamente, por iso hai que ir paso a paso para non cometer erros. Estas boas prácticas xa se están intentando implantar noutras institucións: administracións como a Xunta xa se interesaron, por exemplo, polos vídeos de apoio para a automatrícula”, recorda Hermida.

Salvando obstáculos e xestionando calidade

Coa inclusión destas dúas boas prácticas na Red Telescopi dáselle especial relevancia á ferramenta de xestión de automatrícula deseñada, desenvolvida e implantada pola Universidade de Vigo, un método innovador dende o punto de vista tecnolóxico orientado cara o novo alumnado e pensado para facilitar o acceso en casos de discapacidade auditiva ou visual. Posta en marcha en xullo de 2009 tanto para a preinscrición como para a matrícula, o curso pasado o 98,45% dos estudantes xa fixeron todos os trámites administrativos empregando esta ferramenta.

Mentres, coa outra boa práctica ponse de manifesto a importancia de acadar unha xestión académica "dinámica" con capacidade de dar resposta aos retos que xurden, como se logrou a través da implantación do Plan de Calidade no ámbito da Xestión, o Plan Avante. Con este sistema, posto en marcha en 2008, trátase de incorporar a cultura da calidade ao eido da xestión, establecer os recursos organizativos de apoio e dotar de intanxibles e mobilizar á organización para a xestión da calidade.

Un banco de experiencias

A Red Telescopi naceu a partir da necesidade de crear unha plataforma que propiciara o debate e a xestión do coñecemento no campo da dirección estratéxica en relación cos avances e retos aos que se enfrontan as entidades de educación superior, un banco de experiencias onde aproveitar o que mellor fai cada universidade. En España un comité externos de expertos analiza dous veces ao ano as boas prácticas das institucións nacionais baseándose en cinco criterios: que solucione problemas, os resultados acadados, o carácter innovador, a sostibilidade a longo prazo e a posibilidade de que se transfira a outras institucións, adaptándose as súas necesidades.