DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo sinalan os membros da comunidade universitaria

Boloña, o gran reto do novo curso

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
C. Carballeira/ L. Costas/ N. V. Vilanova DUVI 18/09/2009
Pontevedra
Os membros da comunidade universitaria coincidiron hoxe en sinalar que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior é o principal desafío para este curso que comeza. “Que a implantación das titulacións no EEES vaia como ten que ir, que os proxectos de infraestruturas sexan factibles e que comecemos a traballar nas posibilidades de novas titulacións para o campus, discutilas a nivel interno e demandalas a nivel de institucións”, son os obxectivos que marcou Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra.
Na mesma liña, Juan Manuel Viaño, vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela, que tamén estivo presente no acto de apertura do curso, apuntou como reto fundamental “culminar a implantación das novas titulacións adaptadas ao EEES das tres universidades, o que supón grandes necesidades de infraestruturas, metodoloxías docentes e recursos humanos”. Segundo Viaño, o Sistema Universitario Galego “está dando unha mostra do que é posible facer tanto desde a formación máis clásica dos titulados como desde a máis profesionalizante para un exercicio inmediato”.
Pola súa banda a xerente da Universidade de Vigo, Ana Fernández Pulpeiro, sinalou a introducción de “cambios sustanciais para mellorar os nosos servizos tanto cara o alumnado como os docentes”. A día de hoxe xa está en marcha unha nova ferramenta de xestión académica, “que permite a automatrícula, a xestión de expedientes e o envío do calificacións por mensaxe telefónica, entre outras aplicacións”.

Apoio á docencia, novo marco de financiamento e diagnose de igualdade

Dende a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, “seguirase traballando no apoio á docencia, á formación e á innovación, continuando tamén co Programa para Maiores”, explicou o vicerreitor Pedro Membiela. “No que a min me atinxe como vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, está pendente a diagnose da igualdade da Universidade de Vigo”, comentou Mª del Carmen Cabeza; “as investigadoras xa teñen todos os datos recompilados e están a elaborar o informe que terán preparado para final de ano para poder presentalo á comunidade universitaria”.
Pola súa banda, María Montero, vicerreitora de Economía, agarda neste ano “ter os primeiros encontros para fixar cal vai a ser o novo marco de financiamento”. Para Anxo Sánchez, vicerreitor de Novas Tecnoloxías e Calidade, os retos do novo curso pasan pola “implantación e integración de todas as plataformas de e-learning coa nova plataforma de xestión Xescampus, así como aumentar a produción masiva de píldoras docentes e acometer todas as virtualizacións dos posgraos”.
Este ano é o prólogo do final do proceso de Boloña, “o que suporá un cambio de mentalidade”, apuntou Luis Espada, presidente do Tribunal de Garantías. “O profesor ten que ensinar a pensar, o alumno ten que ser máis activo e o plan de estudos ten que ser racional; se eses tres parámetros se unen, diminuirá o fracaso escolar”.
Finalmente, “que os alumnos prosperen moito, que a docencia sexa clara e que, en definitiva, haxa paz e progreso na Universidade”, foron os desexos do presidente do Consello Social, Emilio Atrio.