DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bombóns con receitas brasileiras e arxentinas para recadar fondos para Santa Kata’10

Os organizadores da festa propoñen un "marzo doce", cun almorzo distinto para cada martes do mes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 09/03/2010
Cos exames rematados e cos primeiros días sen chuvia que anuncian a proximidade da primavera comezan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación os preparativos para Santa Kata’10, a festa en torno á patroa do centro, Santa Catarina de Siena, que anualmente se encargan de organizar os estudantes dos últimos cursos. De momento están na fase de recadar fondos, para o que puxeron en marcha dúas iniciativas, o Marzo doce e a Publicena. Todos os martes deste mes venderán na entrada da facultade diferentes tipos de doces e, como primeira suxestión, propuxeron bombóns elaborados por eles mesmos a partir de receitas arxentinas e brasileiras que atoparon en internet. Co mesmo fin, convocaron aos estudantes de Publicidade e Relacións Públicas a asistir a unha macrocea o vindeiro xoves.

Cada martes, unha tentación

“Marzo doce. Cada martes, unha tentación. Patrocinado por Los desayunos de la Publi”, así reza o cartaz distribuído por toda a facultade que convida ao estudantes a probar unha modalidade de almorzo diferente cada martes do mes. A iniciativa parte dos organizadores de Santa Kata’10, ten como obxectivo recadar fondos para a festa e deu comezo hoxe cunha proposta que incluía un surtido de bombóns elaborados artesanalmente a partir de receitas arxentinas e brasileiras. A oferta, nove bombóns polo módico prezo de 3,5 €, acompañados por un vaso de zume a 0,50 €, acabou tentando a todas as persoas que pasaron preto e dunhas existencias de cincocentas unidades apenas restaban dúas ducias ao final da mañá. Nas vindeiras semanas poderán degustarse desde tartas variadas ata a sobremesa galega por excelencia, filloas. Os organizadores desta peculiar cata sinalan que se decantaron polos doces tras a boa acollida que tivo a cesta de Nadal, que venderon tamén para recadar fondos e que estaba composta exclusivamente por gominolas.

Macrocea de futuros publicistas

Unha alfrombra vermella de vinte metros cubría hoxe as escaleiras da facultade ata o 1º andar. Non se esperaba a chegada de ningunha estrela de Hollywood, senón que é un reclamo para que os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas se animen a vestir as súas mellores galas para asistir á Publicena, unha macrocea programada para o vindeiro xoves, con festa posterior no Lulas. O de menos é que a alfombra estea feita con cartulinas, pois o importante, como explican dende a organización, “é facer unha actividade en grupo para coñecerse mellor”. Apuntan tamén que haberá algunha que outra sorpresa, con agasallos e xogos para incentivar aos asistentes a relacionarse entre si.

Música de cine en CultuKata’10

Conferencias, proxeccións de cine e actividades lúdicas e deportivas conformarán a semana do CultuKata’10, pero polo de agora dende a coordinación do evento non soltan prenda. Só adiantan que a temática deste ano será a música no cine, que están confirmando a asistencia de relatores moi coñecidos para un ciclo de conferencias en torno a este tema e que organizarán tamén un ciclo de cine moi divertido, coa proxección de filmes que estimulan a interacción do espectador como a mítica The Rocky Horror Picture Show.