DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deste este luns permanece aberta a inscrición en sete talleres para toda a cidadanía

Bordado, marcha nórdica, fotografía e arte con perspectiva de xénero súmanse á oferta de obradoiros do campus

Xunto a novas edicións dos cursos de lingua de signos, escalada e identificación de cogomelos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cursos
  • Deportes
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/09/2023

Arte e natureza desde unha perspectiva de xénero, técnica fotográfica, marcha nórdica e bordado con agulla máxica e pistola tufting gun. Estas son as novas propostas que se incorporan este cuadrimestre á programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus, xunto a novas edicións dos cursos de iniciación á lingua de signos, escalada en rocódromo e identificación de cogomelos. Ata o 5 de outubro permanece aberta a inscrición nestes sete cursos de extensión universitaria, de entre 20 e 35 horas, que buscan complementar á formación do alumnado, á vez que están abertos ao conxunto da cidadanía. Todos eles teñen un prezo de matrícula de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria e 32 para outros colectivos vinculados á UVigo. 

Entre os obradoiros que se ofertan por primeira vez no campus figuran tres propostas que teñen como sede a Facultade de Belas Artes. Entre outubro e xaneiro desenvolverase neste centro o taller Técnica fotografía, dirixido a achegar coñecementos técnicos sobre iluminación, ópticas, exposición ou axustes de imaxe, co fotógrafo Tony Vacas como docente principal. Tamén en outubro arrancará nesta facultade Creación, paisaxe e xénero, un obradoiro téorico-práctico impartido polas artistas e docentes Iria Vázquez e Xisela Franco, que ten como obxectivo afondar na relación existente entre arte e natureza desde unha perspectiva de xénero. Xa en novembro, Belas Artes acollerá o taller Punch needle and tufting gun, impartido polo artista e docente Marcos Covelo e a deseñadora téxtil Miriam Cartagena. Trátase dun taller que permitirá afondar en dúas técnicas de bordado, unha de carácter manual, coa chamada 'agulla máxica' e outra semiautomática, a pistola tufting gun

A ultima das novidades é o curso Iniciación á marca nórdica, que permitirá adquirir os coñecementos necesarios para practicar con autonomía esta modalidade de exercicio físico-deportio. Dirixido por Iván Martínez, desenvolverase en outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que acollerá tamén nese mesmo mes a sétima edición de Iniciación á escalada en rocódromo, co responsable do programa de tecnificación da Federación Galega de Montañismo, José Juan Domínguez, como docente principal. Tamén en outubro arrancará, na Facultade de Comunicación, unha nova edición de Comunícate coas mans. Lingua e cultura da comunidade xorda, un taller de iniciación á lingua de signos, que permite así mesmo ás persoas asistentes coñecer o contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas. Por último, en outubro arrancará na Escola de Enxeñaría Forestal, a segunda edición do obradoiro Identificación de cogomelos, dirixido por Paula Estévez, do Laboratorio de Micoloxía da UVigo.