DUVI

Diario da Universidade de Vigo

528 alumnas e alumnos estranxeiros elixiron á Universidade de Vigo para os seus estudos

Brasil e Alemaña desbancan a Italia e Francia como principais países de procedencia do alumnado estranxeiro

Este xoves deuse a benvida aos 170 estudantes que chegaron aos campus no 2º cuadrimestre

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 24/01/2013
Imbuída Europa nunha crise económica de fondo calado, Brasil converteuse este curso nun balón de osíxeno para as universidades españolas grazas á posta en marcha do programa Ciencia Sen Fronteiras. Ás aulas universitarias viguesas chegaron un total 110 estudantes procedentes do país carioca, que se converte así no principal lugar de orixe dos 528 alumnas e alumnos estranxeiros de intercambio na Universidade de Vigo no curso 2012-2013. Xunto a Brasil, Alemaña pega forte e, con máis de 70 estudantes matriculados nas aulas viguesas, é xa o segundo país de referencia, mentres que Italia, que acostumaba ser a principal referencia, non chega este curso ao medio cento de estudantes, cifra da que tamén se distancian clásicos como Francia (39) e Portugal (25). En total esta particular Torre de Babel está integrada por persoas de 34 nacionalidades, con procedencias tan dispares como Taiwan, Canadá, Chile, Estados Unidos, Colombia, Cuba, Marrocos...

A Universidade deulles este xoves a benvida aos 170 estudantes que elixiron a institución académica viguesa para cursar o segundo cuadrimestre. Hoxe fíxoo aos 115 que elixiron o campus de Vigo e aos 37 que optaron por Pontevedra e mañá venres fará o propio cos 18 que estudan nos diferentes centros do campus de Ourense. As primeiras palabras foron do vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que os animou a aproveitar “ao máximo” a súa estancia en Galicia. Tras el interviñeron os representantes de diferentes servizos que a Universidade pon ao seu dispor (biblioteca, deportes, Centro de Linguas...). O obxectivo: amosarlle todo o abano de posibilidades que están ao seu dispor para sacarlle o máximo proveito aos vindeiros meses.

Ciencia Sen Fronteiras: “a chave que nos abriu a porta de Europa”

Os brasileiros Tales Mendes, Amanda Mello e Thaylise Przepiura son tres dos bolseiros que chegaron a Vigo grazas ao programa Ciencia Sen Fronteiras, ao que se refiren como “unha oportunidade incrible” ou “a chave que nos abriu a porta de Europa”. Chegaron a Galicia hai xa uns meses e “a pesares do frío e da choiva” subliña Mello, “estamos moi contentos e moi satisfeitos coa nosa estancia aquí”, aínda que, insiste, “nunca pensamos que chovese tanto”. Rematado xa o primeiro cuadrimestre, séntense xa con bagaxe suficiente para poder valorar o cambio que supuxo para eles mudar de país e mesmo de continente. “A nivel práctico, no que son o desenvolvemento das clases, atopamos moitas diferenzas”, comenta Mendes, que indica que “no Brasil temos moitos máis exames dos que tivemos aquí”, unha afirmación que completa a súa compañeira Thaylise Przepiura, que puntualiza que “aquí segue habendo docentes que basean a práctica totalidade da nota nun único exame final.

Mendes, Mello e Przepiura son tamén un bo exemplo de como o alumnado estranxeiro está cada vez máis presente nas diferentes escolas e facultades do campus. Se ben é certo que as facultades de Filoloxía e Tradución (152) e Ciencias Económicas e Empresariais (67)seguen a concentrar unha boa parte destes estudantes , o alumnado de intercambio está presente na práctica totalidade de centros, incluídos os centros adscritos, tales como a EU de Enfermaría de Povisa (2) ou a Escola de Negocios Novacaixagalicia (6).

“Canto chove!”

A maior parte dos asistentes ao acto de benvida levan un par de semanas na cidade e non dubidan ao responder á pregunta de que é o que máis lles sorprende deste lugar. Como chove!, canto chove! ou como é posible que chova tanto! son algunhas das frases que máis se escoitaron. “Dende que chegamos apenas vimos uns raios de sol”, lamentábanse as estudantes eslovacas Lívia Chuda e Veronica Krajvirova, alumnas de Tradución e Interpretación, que agardaban que o tempo mellorase na fin de semana “pois temos unha excursión para visitar A Coruña e Lugo”.

Nun perfecto castelán as francesas Aline Dherbet e Camille Retzignac , estudantes de Economía, subliñan que, “pese ao frío e á choiva, a cidade encántanos”. Esta é para elas a súa primeira estancia internacional e con ela “agardamos poder perfeccionar o noso castelán, logo teremos que facer unha segunda estancia nun país anglosaxón para mellorar o inglés”, subliñan, ao tempo que explican que “para poder titularnos precisamos certificar que somos trilingües”.

37 novas alumnas e alumnos de intercambio en Pontevedra

No campus de Pontevedra deuse a benvida a 37 novas alumnas e alumnos, que se suman ao 29 que cursaron estudos na cidade do Lérez no 1º cuadrimestre e aos 25 que permanecen no campus o curso completo. En total son 86 alumnos que se dividen entre a Facultade de Belas Artes (30); Ciencias Sociais e da Comunicación (28); Fisioterapia (15); Ciencias da Educación e do Deporte (10) e Enxeñaría Forestal (2).