DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Thadeu Gasparetto realizou este curso o mestrado da Universidade polo seu prestixio internacional

De Brasil a Ourense para formarse como xestor empresarial do deporte

O mundial de fútbol e as Olimpíadas sitúan a este país no foco da actualidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/06/2014

Falar de Brasil na actualidade é falar de deporte, principalmente de grandes competicións deportivas. O Mundial de Fútbol FIFA 2014 que agora se está a disputar e as Olimpíadas 2016 están a revolucionar o propio país e a imaxe que del se ten no exterior. Con defensores e detractores, con luces e sombras nun país en desenvolvemento, estes macroeventos moven grandes cantidades de persoas pero fundamentalmente de diñeiro. Neste contexto en auxe, o brasileiro Thadeu Gasparetto decidiu este curso realizar o Máster en Xestión Empresarial do Deporte que se imparte no campus de Ourense debido ao seu prestixio internacional e ve coa perspectiva que dá a formación e a distancia a revolución que está a vivir o seu país tomando como referente o deporte.

Natural de Belo Horizonte, Gasparetto explica que escolleu o mestrado que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo porque “sempre tiven ganas de vir estudar a Europa e como lera algúns artigos de Ángel Barajas e Patricio Sánchez e souben que o Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo quedara entre os 20 mellores do mundo en 2012 decidinme por el”. Mentres regresa da súa intervención no V Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte celebrado en Zaragoza e prepara outra participación no European Association for Sport Management que se celebrará en Inglaterra, este experto salienta a importancia da formación recibida xa que “no tema dos eventos deportivos, Brasil vive unha época espectacular”.

A dobre faciana dos macroeventos

Vendo desde Galicia os últimos acontecementos no seu país, destaca como é comprensible que a poboación brasileira proteste polos investimentos realizados no deporte cando Brasil necesita mellorías en saúde, educación e seguridade, entre outros puntos. “Con todo, celebrar estes eventos é algo notable”, apunta, tanto por tratarse de deporte de excelencia como polos cambios que provocan habitualmente este tipo de celebracións. Neste senso, e botando unha ollada ao Mundial de Fútbol FIFA 2014, comenta, “vimos grandes problemas organizativos. Moitas das obras de infraestrutura e mobilidade urbana non foron finalizadas antes do evento e outras tampouco se empezaron. Por tanto, un dos principais legados dos megaeventos deportivos non chegará por completo á poboación brasileira e é unha pena”.

A pesar destes problemas, explica Gasparetto sobre a construción de infraestruturas para o mundial, aínda que tivesen atrasos é moi probable que non presenten problemas e para o fútbol local serán de gran valor no futuro. “Hai evidentemente unha preocupación sobre a utilización dalgúns estadios ao termo do evento, pois algúns foron construídos en cidades de pouca tradición nese deporte. Así, podemos mirar esta cuestións desde unha perspectiva negativa, centrándonos na súa infrautilización e altos custos de mantemento, ou positiva, vendo que pode ser unha grande oportunidade de desenvolver o fútbol nesas zonas, así como unha posibilidade para que os equipos reforcen a súa presenza nos demais estados do país”, sinala o investigador.

Sobre os Xogos Olímpicos 2016, destaca este experto que "é un evento moi complexo"`pois, indica, reúne varios e distintos deportes que necesitan estruturas específicas e cada un dos afeccionados adoita ter un comportamento diferente do outro. "A prensa brasileira e internacional xa fala de problemas organizativos, como atrasos e obras que probablemente non serán concluídas. Con todo, aínda quedan dous anos ata o inicio dos xogos e esperamos que o comité organizador consiga facer un bo traballo. Eles terán moito traballo pero a cidade de Río de Janeiro e a súa poboación necesitan das infraestruturas que as olimpíadas adoitan proporcionar e oxalá as teñan”, recalca Thadeu Gasparetto. Alén do tema deportivo e as infraestruturas que quedarán para o país, comenta, o que se agarda destas competicións é que provoquen un aumento no turismo e que se visibilice a riqueza natural e cultural desa nación.

Oportunidades para fomentar a formación en Brasil

“O meu desexo é que as experiencias vividas na organización e participación nestes grandes eventos deportivos poida axudar a fomentar cada vez máis o interese pola formación, a capacitación e a investigación na xestión deportiva no meu país”, apunta investigador. Mentres ese momento chega e antes de volver a Brasil, Thadeu Gasparetto desexa continuar o vindeiro curso estudando na Universidade de Vigo realizando o doutoramento, xa que está moi satisfeito pola calidade da docencia recibida no mestrado e polas prácticas realizadas na Fundación Celta de Vigo. “Aínda que teño como obxectivo profesional traballar como director deportivo de fútbol, son demasiado novo para un posto así. Agora é o momento de seguir formándome”, apunta por último.