DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A secretaria xeral, Esther González Pillado, deu lectura á Memoria do curso 2008/2009

Breve testemuña dun intenso traballo

Salientou a consolidación do labor investigador e de transferencia da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 18/09/2009

Actividades de I+D contratadas por un total de 8.055.000 euros e a participación en proxectos europeos por importe de 1.980.000 euros fan do pasado curso 2008/2009 o da consolidación definitiva da capacidade competitiva e de transferencia da Universidade de Vigo. Así o salientou a secretaria xeral, Esther González Pillado, no resumo da memoria do curso no que fixo un percorrido polas cifras, actividades e feitos que caracterizaron o pasado ano académico.
Dos máis de oito millóns de euros que supuxeron as actividades de I+D contratadas, o 74% foi froito da colaboración con empresas mentres que o 25% foron contratos con entidades públicas.
Outro dos puntais da labor investigadora da Universidade é a propiedade industrial, tramitando un total de 23 solicitudes de patentes, “incluíndo unha de carácter internacional e un modelo de utilidade”, explicou a González Pillado.
Ademais, o curso 2008/2009 foi tamén o da aprobación do proxecto de Estatutos da Universidade, da adscrición da Escola Naval Militar de Marín e da Escola de Negocios de Caixanova, así como da aprobación dos planos de estudo dos novos graos e posgraos.

O curso 2008/2009, o do primeiro grao

Segundo explicou a secretaria xeral, o curso caracterizouse polo reforzamento da relación entre a Universidade e a súa contorna, o que se traduce na sinatura de 238 novos convenios de colaboración con diferentes entidades, organismos e empresas.
Pero se por algo que distinguiu o ano académico 2008/2009 foi pola posta en marcha da primeira titulación adaptada ao EEES. A Facultade de Belas Artes foi a primeira da Universidade de Vigo en impartir un título de grao, “iniciando estes estudos un total de 358 estudantes”. Xunto co grao tamén se ofreceron prazas en 28 mestrados oficias adaptados a Boloña, “13 deles interuniversitarios”. En conxunto, a matrícula nestes programas de posgrao ascendeu a 698 alumnos.

A Universidade en cifras

Segundo os datos da Memoria do curso, a matrícula total foi de 22052 estudantes, 4490 no campus de Ourense, 3279 en Pontevedra e 11753 en Vigo. No que corresponde ao terceiro ciclo, a matrícula foi de 1202, mentres que 107 estudantes defenderon a súa tese e acadaron o título de doutor. Paralelamente, a secretaria xeral engadiu que o cadro de profesores estivo composto por 1579 docentes mentres que o de persoal integrábano 745 traballadores.
No tocante á mobilidade internacional, 511 estudantes da Universidade cursaron estudos noutros países e 455 alumnos estranxeiros realizaron parte da súa formación na institución viguesa.
A lectura da Memoria da man da secretaria xeral fixo tamén un percorrido polos feitos máis salientables nos tres campus ao longo do curso precedente. Entre elas, salientou a inauguración do centro deportivo Aqua Ourense, o inicio da construción dun campo de fútbol-rugby e das pistas de atletismo. En Pontevedra referiuse á reforma do Pavillón Universitario, a construción de vestiarios na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e á actuación “en canto a instalacións de enerxías renovables”. Sobre os feitos salientables no campus de Vigo apuntou o remate da biblioteca do Edificio de Ciencias Experimentais e o acondicionamento da sala de proxectos de I+D para 44 postos de traballo na ETSET. González Pillado lembrou tamén a reforma de espazos nos tres campus para a impartición dos novos graos.
Este resumo da vida académica e investigadora da Universidade de Vigo no pasado curso non deixou atrás as actividades culturais e deportivas, referíndose aos cursos do Centro de Linguas con máis de 750 alumnos matriculados, a obradoiros e actividades da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ou á creación dos Premios de Excelencia Deportiva, así como aos logros e títulos acadados polos equipos de xadrez, rugby ou tenis da Universidade.