DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan José Jaén, propietario de Bricoking, ofreceu unha conferencia no campus

A bricolaxe tamén serve para aprender estratexia empresarial

O alumnado de Ciencias Empresariais e Turismo coñeceu as claves de éxito do grupo galego

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 03/12/2012

Cando na casa precisamos algunha peza ou ferramenta de bricolaxe entre as dúas ou tres empresas que primeiro nos veñen á cabeza está unha galega. Trátase de Bricoking, un grupo nado en 1996 que na actualidade conta con 34 establecementos e máis de 450 empregados repartidos pola xeografía estatal. Para falar da súa evolución empresarial e das súas claves de éxito, este luns Juan José Jaén, o seu propietario, ofreceu unha conferencia ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

A intervención de Juan José Jaén contou coa introdución de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e de Elena Rivo, docente promotora da iniciativa, e foi presentada por Emilio Pérez, presidente do Grupo Pérez Rumbao e da Asociación Galega de Empresas Familiares. “A universidade ten sentido en tanto en canto existe unha estrutura social e económica á que servir e este tipo de actos axudan a incrementar a necesaria conexión empresa-universidade”, destacou María Lameiras. O acto, apuntou Elena Rivo, enmárcase dentro do traballo do centro por achegar ao alumnado a realidade empresarial e os seus casos de éxito.

Nunha aula magna ateigada de estudantes e de docentes, Emilio Pérez animou aos asistentes a escoitar a Juan José Jaén, un “chino-coruñés ou coruñés-chino”, por ser "un referente no sector da distribución de produtos de bricolaxe" no estado e polo interese do seu exemplo para aprender no eido do emprendemento, da planificación empresarial e da internacionalización. Bricoking, explicou o seu propietario, naceu en 1996 con dúas pequenas tendas na Coruña e Santiago de Compostela e hoxe conta con 34 establecementos e arredor de 450 empregados en diferentes puntos da xeografía española. Case 16 anos de traxectoria dos que o empresario quixo extraer para o alumnado do campus as claves de éxito e unha serie de consellos que dá a experiencia. “Para sobrevivir non queda outra que innovar, renovarnos e reiventarnos unha e outra vez”, advertiu.

Sen complexos

Entre esas claves, o propietario de Bricoking destacou seis, como son “analizar o que fan ben os demais, copialo e adaptalo”, “analizar o que fai mal a competencia e melloralo”, “adaptarse ao público feminino”, “intentar ser grandes”, “non ter medo de ir a por todas” e aproveitar as oportunidades que ofrece China, “a fábrica do mundo”. E xunto a todas estas cuestións, aconsellou estar atentos ao que a contorna demanda e dar resposta a esas necesidades. Como exemplo desta filosofía, Juan José Jaén explicou as sucesivas adaptacións do seu negocio, que primeiro naceu como unha pequena tenda, logo pasou a ocupar grandes superficies de máis de 1000 metros cadrados en polígonos industriais e agora mesmo abre “Bricokings City”, actualizando o concepto inicial de tenda de barrio, de vila ou do centro da cidade.

“O noso novo modelo de negocio é crear tendas de arredor de 300 metros cadrados nos que ofertar todo o que precisaría en bricolaxe unha casa de 90 metros cadrados. Estes novos centros permiten aos clientes compras máis áxiles e próximas, ao mesmo prezo que nos Bricokings grandes e cun servizo máis personalizado. Á empresa redúcensenos os custes, increméntasenos a implantación de marca e chegamos a un novo público”, destacou Jaén. Ademais deste concepto, no novo modelo tamén salientou a súa alianza estratéxica coa empresa Hubo para a posta en marcha da fórmula de franquicias, en resposta á falta de crédito dos bancos en 2009 e á necesidade de seguir medrando.

Apaixonado de China, do seu ritmo trepidante de crecemento e das oportunidades que ofrece, o propietario de Bricoking animou ao alumnado a pensar de xeito internacional. “Empréndese collendo a maleta e un avión e pedindo axuda a todos os amigos ou persoas que se poida. Hai que emprender, aínda que as circunstancias son difíciles, tedes que saír a por todas”, recomendoulles.