DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do mestrado de turismo puido coñecer de primeira man a produción destas bebidas

Un brinde con viño e sidra polo futuro do sector enolóxico

Durante todo o mes de desenvolveron visitas guiadas a diferentes empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 28/03/2014

O alumnado do Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde da Universidade de Vigo celebra este venres o acto de posgraduación da súa terceira promoción. Os seus estudantes enfilan agora o último tramo dos seus estudos quedándolle só pendentes as prácticas e a presentación do traballo fin de máster. Para completar a súa formación, no último mes dedicaron unha especial atención a un sector de gran potencial na provincia como é o enolóxico, concretamente á produción de viños e, como novidade, á de sidra.

“O tema do turismo a través do mundo da sidra é moi novidoso no mercado galego, polo que este ano quixemos que o alumnado do mestrado o coñecese de primeira man cunha ruta turística ao Lagar Ribela, onde puidemos ver as plantacións de maceiras, a elaboración da sidra, a súa comercialización, a contorna natural e todas as interrelacións que están establecendo coa oferta turística da zona”, explica José Antonio Fráiz, director do Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. No diálogo establecido entre o alumnado do mestrado e os empresarios, apunta o docente, “púxose de manifesto a tremenda potencialidade deste turismo en Galicia e a necesidade e posibilidades da internacionalización”.

Potencialidade e futuro

Ademais de coñecer o mundo da sidra, os estudantes de posgrao tamén tiveron este mes a oportunidade de familiarizarse co turismo enolóxico. Entre os lugares visitados estiveron a bodega Crego e Monaguillo; a ruta dos Lagares, que se desenvolve entre viñedos; a bodega Gargalo, propiedade de Roberto Verino, e a casa rural O Retiro do Conde, enfocada a acoller ao turista enolóxico interesado na Denominación de Orixe Monterrei. Nestas visitas, o alumnado, comenta José Antonio Fraiz, tivo a oportunidade de coñecer de man dos seus protagonistas a situación do sector e as súas expectativas, especialmente relacionadas co plan de competitividade turística Portas de Galicia, co desenvolvemento de novos produtos turísticos e coa colaboración con outros axentes do sector.

“Galicia ten no sector enolóxico unha das súas principais vía de desenvolvemento futuro e o alumnado do mestrado é importante coñeza de primeira man a súa situación e potencialidade. O que hoxe son estudantes do máster facendo unha visita académica mañá será axentes turísticos que terán a oportunidade de traballar con estes produtos e contribuír ao desenvolvemento do mundo da sidra e do viño na provincia e fóra dela”, subliña José Antonio Fraiz.