DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Concello demostran a capacidade organizativa de Vigo para grandes eventos

O bronce de Fernando Rascado pon o broche final ao Mundial Universitario de Taekwondo

O equipo español rematou segundo na clasificación xeral con 11 medallas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 05/07/2010

O iraniano Talebikahangi era un dos rivais máis duros a priori para Fernando Rascado e confirmou esta fortaleza apeando ao deportista da Universidade de Vigo na semifinal e facéndose finalmente co ouro. Pero Rascado acadou un dos seus obxectivos, unha medalla na casa ante o seu público, ao que puido ofrecer un bronce no Mundial Universitario de Taekwondo. O seu metal, xunto co da galega da UNED, Fani Hernández, contribuíron a que o combinado español rematara segundo na clasificación xeral por equipos, con 11 medallas (catro ouros, tres pratas e catro bronces), por detrás dunha intratable Corea, con 18.

Ademais, Universidade e Concello acadaron tamén resultado moi positivo no que á organización se refire, xa que tanto participantes como FISU destacaron o alto nivel organizativo e gran capacidade de Vigo para levar adiante eventos desta envergadura, como recoñecía o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.

Un bronce con sabor agridoce

Na categoría de -80 kg, Rascado impúxose ao brasileiro Thiago Simoes de Oliveira, ao que venceu por 5-2 e posteriormente nos cuartos de final ao estadounidense Thomas Lee, por 8-4, vitoria que lle deu paso á semifinal na que se mediu a un rival de enorme e contrastada valía e ante o que rematou cun 7-1. Con todo, Rascado amosábase contento polo bronce aínda que recoñecía certo sabor agridoce por estar tan preto da final e quedarse ás portas, “non podo evitar o mal sabor de boca, aínda que sei que o que conseguín é importante”. Trala súa vitoria na Copa do Mundo Iberoamericano este bronce achega novos folgos ao deportista a pesar da derrota ante Rouhollah Talebikahangi. O primeiro asalto rematou sen que ningún dos taekwondistas puntuase, pero as amonestacións por falta da competitividade supuxeron un punto en contra do galego. O último parcial comezou cun 1-0 en contra e a partir dese momento o iraniano comezou a deixar claro o seu poderío ata chegar o 5-0. Nese momento rascado buscou un milagre que non chegou rematando cun 7-1 e coas súas expectativas de ouro. Con todo, o video-replay que tanto se demandaran noutras competicións e semellaba un gran paso adiante na mellora da arbitraxe xogou en contra de Rascado. Cando estaba tan só tres puntos por debaixo do marcador a decisión tomada co video-replay deu como resultado o 5-0 que levou a Rascado “a saír a por todas e pilloume á contra”.

Menos sorte para Rebeca Mariño

Tamén competiu o domingo na derradeira xornada do Mundial Universitario a outra representante da Universidade de Vigo, Rebeca Mariño, que non tivo tanto sorte como o seu compañeiro. Na categoría de -53 kg enfrontouse á turca Kübra Yangin, actual campioa de Europa, que deixou clara a distancia entre ambas dende o comezo e rematou cun 3-10. Días ante do combate Mariño xa salientaba que “era un comezo moi duro” e finalmente a turca rematou colgándose tamén a medalla de ouro na final ao imporse po 13-7 á coreana Su Won Lim.

O outro galego en liza na última xornada o mundial era Juan Fernández, tamén da UNED, que na categoría de -63 kg gañou o seu primeiro combate ante o canadense Felix Kesserwan por 0-6, pero caeu posteriormente ante o turco Cem Ulugnuyan por 3-2, co último punto nos derradeiros intres do encontro. A eles únese a cuarta galego do equipo nacional, Fani Hernández, que acadou tamén un bronce tras caer ante a coreana Jun Sy, que a deixou a un paso da gran final.

Con todo, estes tres bronces súmanse aos catro ouros, tres pratas e outros dous bronces acadados polo combinado nacional, unha cifra que posiciona a España como segunda na clasificación por equipos.