DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A estudante da Universidade de Vigo acadou o metal no campionato que se disputa en Corea

Bronce no Mundial Universitario de Taekwondo para Laura Lorenzo

Katia Calvar non logrou medalla e Borja Ríos competirá o vindeiro mércores

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 28/05/2012
Primeira medalla para os equipo da Universidade de Vigo que compite no Campionato Mundial Universitario que se disputa na cidade coreana de Pocheon. Laura Lorenzo Amoedo na categoría de -46 kg acadou este domingo a medalla de bronce no mundial tras vencer á representante de Thailandia por un contundente 4-0. Katia Calvar na categoría de -57 kg non correou a mesma sorte que Lorenzo ao ter que enfrontarse á representante coreana ante a que caeu derrotada por 4-0. Pola súa banda o terceiro representante da Universidade de Vigo no campionato do mundo, Borja Ríos, competirá o vindeiro mércores na categoría de -63 kg.

Estudante na Escola de Enfermaría de Pontevedra e pertencente ao ximnasio Tao de Vigo, Laura Lorenzo, venceu na primeira rolda á representante mexicana no punto de ouro, despois de chegar cun empate a un punto no tempo regulamentario. No combate de cuartos de final venceu á representante de Thailandia por un contundente 4-0 o que xa lle garantiu a medalla de bronce, coa que finalmente subiu ao podio ao non poder acadar a final tras perder coa representante filipina por 4-7. Días antes de partir cara a Corea, Laura afirmaba sobre o seu debut nun campionato de mundo que esta disposta a “poñer toda a carne no asador xa que é momento de dalo todo e amosar o noso talento, por iso non podemos fallar neses seis minutos que temos para loitar”.

Katia Calvar non acada unha medala á que aspira Borja Ríos

O emparellamento coa representante de Corea na categoría de -57kg foi determinante para impedir que Katia Calvar fose quen de facerse cunha medalla no mundial universitario. A estudante de Enfermaría no Hospital do Meixoeiro e actual subcampioa de España Absoluta na súa categoría caeu derrotada por 4-0. A experiencia asiática non era a primeira de ámbito mundial para a taekwondista da Universidade de Vigo que xa participara no Mundial Júnior disputado no ano 2010.

Aos resultados acadados polas representantes femininas da Universidade de Vigo sumarase o mércores o de Borja Ríos na categoría de -63kg. Borja, ao igual de as súas compañeiras foi seleccionado para o campionato do mundo tras acadar unha medalla de ouro no campionato de España celebrado en Madrid a finais do mes de abril, un feito que o seu seleccionador, Salvador Fontán, tamén seleccionado para Corea, cualificou de “éxito sen precedentes para a institución”.

Catro medallas no Campionato de España Universitario de Natación

Na fin de semana a Universidade de Vigo sumou outras catro medallas, neste caso no Campionato de España Universitario de Natación disputado nas instalacións da Universidade Camilo José Cela. Sandra Presas e Laura Pimentel foron quen de acadar cadansúa medallas de ouro nas probas de 50 costas e 800 libres,respectivamente que ademais no caso de Laura acadouno cun tempo de 09.01.10 que bate o mellor rexistro do campionato que databa do ano 2010.
As dúas representantes da Universidade de Vigo tamén gañaron outras dúas medallas, unha de prata no caso de Sandra en 100 costas e outra de bronce para Laura en 100 libres.