DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os taekwondistas Laura Lorenzo e Borja Ríos fan balance da súa actividade deportiva e académica

Bronces que valen o seu peso en ouro

A pesar de competir internacionalmente, esfórzanse por non descoidar os seus estudos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 05/07/2012

Enfrontan o mes de xullo como outra batalla. Tras conseguir a medalla de bronce no Mundial Universitario de Corea, os taekwondistas Laura Lorenzo e Borja Ríos teñen por diante o reto de superar “con nota” os exames para continuar coa súa formación académica nos graos en Enfermaría e en Fisioterapia respectivamente. “Tivemos un ano bastante activo, chegabamos da fin de semana dun campionato e o venres seguinte xa competiamos noutro”, confesan Borja e Laura que aproveitan o parón das competicións para preparar as probas de xullo que contan aprobar pois, a pesar de que o taekwondo é a súa paixón, son conscientes da necesidade de non descoidar os seus estudos universitarios.

Tanto Laura Lorenzo como Borja Ríos amosan orgullosos as súas medallas de bronce acadadas no mundial, “aínda que unha vez chegado a ese punto xa contas con gañar”, apunta Ríos que caeu ante o seu homólogo francés “porque os nervios me xogaron unha mala pasada”. Para Lorenzo, este recoñecemento é o maior que ten recibido na súa carreira deportiva “e non contaba chegar tan lonxe”, confesa a taekwondista que puido competir no campionato mundial grazas ao apoio da Federación Galega de Taekwondo. “Fun por rebote a Corea, por así dicilo”, aclara Lorenzo, que se marca como reto no vindeiro ano, igual que Ríos, competir na categoría sénior nacional “para poder acceder ás competicións de maior prestixio internacional”.

Do adestramento ás clases e das clases ao adestramento

“Non é sinxelo compatibilizar a vida persoal co deporte de alto rendemento”, sinalan os dous taekwondistas que teñen moi claro que os estudos ocupan un lugar preferente nas súas vidas. “Vai chegar un día que o deporte se acabe polo que hai que formarse para ter unha saída laboral”, explica Ríos, que cursa o primeiro ano do Grao en Fisioterapia, que decidiu escoller esta titulación porque “é unha profesión vital para o deportista, que lle dá a vida cando está lesionado”, sinala. Por unha razón semellante Lorenzo tamén optou por Enfermaría e aínda que reside en Vigo, decidiu estudala na escola de Pontevedra “para estar máis cerca do Centro de Tecnificación Deportiva, onde adestramos todos os días”. Lorenzo xa cursa segundo de grao “pero este ano, coas prácticas, está custando máis”, declara. A pesar do esforzo que supón, non queren descoidar o taekwondo “e ata pode ser que nestes momentos ocupe un lugar prioritario porque o que estamos vivindo co deporte é unha oportunidade que nunca máis vai volver a pasar. Momentos como os de Corea non se poden deixar pasar porque coincidiran coa época de exames. Senón arrepentiriámonos toda vida”, destacan.

Estes dous taekwondistas, que comezaron a practicalo con menos de oito anos, acostuman adestrar catro horas ao día repartidas en dúas sesións, “o mínimo para manter o nivel”, aclara Ríos. Ao longo do curso escolar adaptan os adestramentos aos ratos libres que lles deixan as clases, aproveitando cada minuto libre para achegarse ao centro de tecnificación a prepararse para as competicións. “O deporte de alto nivel implica certo sacrificio, pois vivimos para estudar e para adestrar. Do campus ao centro de tecnificación e viceversa e o tempo de ocio queda reservado para os sábados ou domingos á tarde”, explican os dous deportistas, aínda que aclaran que o deporte “é o noso ocio, a nosa diversión e procuramos divertirnos co que facemos”. Mais, para eles o peor de compaxinar a vida de deportista e de estudante é “non ter tempo para un mesmo” ademais dos períodos nos que teñen que estar a réxime “xa que este deporte require un control exhaustivo do peso e cando estamos a dieta, báixasenos o ánimo e as ganas de estudar”, confesan.

Estes dous estudantes do campus de Pontevedra tamén destacan que, a pesar dos bos resultados que achega o taekwondo ao deporte nacional, non conta co apoio suficiente. “En Galicia existe unha canteira importante de taekwondistas cunha federación que se move moitísimo polos seus deportistas. Non obstante, a pesar da calidade e do nivel, estamos un pouco esquecidos en España”, recoñecen Ríos e Lorenzo, que teñen palabras de agradecemento para Alejandro Sanjorje, técnico deportivo da Universidade de Vigo, “que nos soluciona sempre todo. Con el todo son facilidades”, declaran. Tras “as pequenas vacacións dos exames de xullo” retomarán os adestramentos durante o verán para preparar a súa próxima cita deportiva, o Open Internacional de Manchester no próximo setembro, “que puntúa para o ranking mundial”.