DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica elaborará un informe da situación e opcións económicas do municipio

Bueu ”encomenda” o seu futuro socioeconómico á Universidade

Felíx Juncal e Xavier Simón asinaron hoxe un contrato por un importe de 21.000 euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 06/09/2013

Ao longo dun ano o grupo de investigación de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo analizará pormenorizamente a situación socioeconómica do concello de Bueu co obxectivo de, segundo asegura o seu responsable, Xavier Simón, “servir de elemento catalizador das iniciativas que existen a nivel local e buscar pontes entre os axentes locais para levar adiante as súas iniciativas”. Nun acto celebrado este mediodía no Concello de Bueu, o alcalde da localidade de O Morrazo, Félix Juncal e o responsable do grupo de Economía Ecolóxica, Xavier Simón asinaron o contrato do traballo que baixo o título Opcións económicas para o emprego local, recollerá un informe global da situación socioeconómica do municipio no que participarán todos os axentes socioeconómicos. “Agardo que este traballo reflicta os principios baixo os que entendo que debería pivotar o desenvolvemento económico municipal: os recursos propios do territorio, a recuperación de oficios tradicionais con novas aplicacións e o valor estratéxico parar o municipio da Illa de Ons”, sinalou o rexedor municipal, acompañado na presentación pola concelleira de Patrimonio, Mariña Loira.

Liñas estratéxicas e accións concretas

O estudo que está chamado a ter un papel protagonista no ámbito local disporá dun orzamento de 21.075 euros e se desenvolverá ao longo dun ano. “No plan”, explicou Xavier Simón, “non só haberá liñas estratéxicas, senón tamén liñas de acción concretas onde se identifiquen os axentes implicados e as responsabilidades de cada un deles para levalas adiante, pretendendo que o documento sexa moi práctico e útil”. Simón que na presentación do contrato estivo acompañado polos tamén investigadores do grupo de Economía Ecolóxica Damián Copena e Paul Swagemakers, agradeceu ao Concello de Bueu a confianza depositada neles para a elaboración do traballo, ao tempo que asegurou que se trata dun “reto para o noso grupo polo dinamismo dun concello cunha poboación que supera os 12.000 habitantes”.