DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornadas a celebrar en Santiago afondarán no marco da web social

Bugalicia achega a biblioteca 2.0 ás universidades galegas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/11/2008

Toda a comunidade universitaria disporá dun servizo bibliotecario que promove a participación activa dos usuarios, a raíz da introdución do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia, Bugalicia, nas aplicacións, ferramentas e recursos que proporciona a web 2.0 ou “web social”. A creación dunha futura biblioteca 2.0 permitirá a renovación dos servizos de información bibliotecaria a través de plataformas que estimulen a participación dos usuarios e permitan a xestión e entornos colaborativos, así como sacar partido das ferramentas tecnolóxicas dispoñibles na rede.
Estas cuestións serán abordadas nas xornadas Web 2.0 e bibliotecas en Bugalicia que se desenvolverán os días 20 e 21 de novembro na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela.
As xornadas destinadas ao persoal bibliotecario das universidades galegas afondará no coñecemento, uso, aplicación e implementación das redes sociais da propia biblioteca. Así nas sesións estudaranse as aplicacións dos blogs e microblogging como unha das mellores ferramentas para establecer unha relación entre os usuarios e as bibliotecas, así como para os propios profesionais. Instrumentos como os “wikis” ou sitios webs froito do esforzo colectivo, serán outra das cuestións a abordar nas xornadas.

Participación activa dos usuarios

O aproveitamento das ideas e aplicacións da web 2.0, no ámbito dos servizos, que presta o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia ao Sistema Universitario de Galicia, significa que toda a comunidade universitaria disporá dun servizo bibliotecario que promove a participación activa dos usuarios. Deste xeito, eles mesmos serán creadores de contidos, xa que poden elaborar as súas propias reseñas de libros ou intervir en servizos de recomendación.