DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Guillermo Suárez publica 'Edificación en altura. El negocio urbanístico-inmobiliario de la superfici

A burbulla inmobiliaria, unha invención xa dos romanos

O libro está dedicado ao falecido maxistrado-xuíz de Ourense Olegario Somoza

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 18/05/2011
A especulación e a burbulla inmobiliarias son termos moi de actualidade nos últimos anos polo papel que teñen xogado na crise económica. Sen embargo, e en contra do que se pode pensar a priori, non son fenómenos exclusivos do momento histórico que estamos a vivir. Xa os romanos viron as oportunidades de negocio arredor da construción e padeceron o seu boom as súas consecuencias, tal e como analiza o profesor da Facultade de Dereito Guillermo Suárez no seu libro Edificación en altura. El negocio urbanístico-inmobiliario de la superficie en el Derecho Clásico.

A publicación, dedicada ao falecido maxistrado-xuíz da Audiencia Provincial de Ourense Olegario Somoza, foi presentada este mércores no campus ourensán nun acto que se converteu nunha homenaxe a este maxistrado. Nel estiveron presentes, ademais do autor da obra e familiares de Somoza, os catedráticos da Universidade de Vigo Jesús de Juana e Luis Rodríguez; Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito; María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Antonio Piña, maxistrado-xuíz decano de Ourense; Antón Lois Fernández, profesor da Universidade de Vigo; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense, e numerosas autoridades do ámbito civil, xudicial e dos corpos de seguridade. Os asistentes lembraron a figura de Olegario Somoza pola súa independencia, sabedoría e ansias de coñecemento.

Polo que respecta ao libro, Edificación en altura é, segundo o seu autor, “unha análise dos elementos histórico e xurídicos que posibilitaron o nacemento e o desenvolvemento do urbanismo, da edificación en altura e dos negocios superficiarios en chan alleo”. Estas orixes sitúanse no Estado romano, que configurou a natureza xurídica da superficie como un negocio. “A finais da República, Roma conquista o ceo e vive no aire. O fenómeno da construción de pequenos rañaceos, máis de 40.000, de entre catro e dez plantas, en solares propios e alleos, propiciou a explotación dos negocios superficiarios privados” explica o autor.

Un dereito por aproveitar

No esplendor do Imperio, eclosionan os mercados inmobiliarios e Roma crea “burbullas urbanísticas que abrazan a especulación do prezo do chan e dos edificios superficiarios” advirte Suárez Blázquez. Nestes negocios participan decididamente as familias dos emperadores e os cidadáns que pertencen ás elites políticas e económicas, mediante empresas e sociedades que explotan as unidades superficiarias (locais de negocio, pisos, apartamentos e habitacións) dos edificios en altura.

Alén dos paralelismo coa acontecido recentemente coa burbulla inmobiliaria, o autor do libro reivindica o aproveitamento das oportunidades que ofrece o dereito de superficie que, salienta, se podería empregar en casos como os polígonos industriais para a dinamización económica, a exemplo do que se está facendo en Alemaña. Unha opinión compartida por Antonio Piña, para quen este dereito “é un dereito que está recollido pero que non ten a utilización e o tráfico mercantil que debería ter para contribuír a solucionar a crise inmobiliaria”.