DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teñen que estar asentadas en localidades menores de 5000 habitantes

Na busca de empresas e organismos que queiran unirse á 3ª edición do Programa Campus Rural

En 2023 participaron máis de medio cento de entidades de toda Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/03/2024

A Universidade de Vigo activa por terceiro ano consecutivo a busca de empresas, asociacións e organismos dos concellos galegos de menos de 5000 habitantes que queiran participar na 3ª edición do Programa Campus Rural, unha iniciativa posta en marcha en 2022 polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Universidades e as universidades públicas, que lle permite ao alumnado universitario realizar prácticas profesionais en zonas rurais con problemas de despoboamento, incentivando así a chegada de capital humano que axude a dinamizar estas zonas.

En 2023 foron máis de medio cento de entidades as que responderon á chamada realizada pola Universidade de Vigo para acoller ao alumnado universitario nas súas instalacións e nesta ocasión agárdase que a resposta sexa similar ou superior. As entidades interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 20 de marzo. Esta é a primeira fase do programa, unha vez inscritas as empresas e organismos interesados, farase unha nova chamada, nesa ocasión ao alumnado. Será xa no mes de abril, unha vez pasada a Semana Santa.

Estadías de entre 2 e 4 meses e 1000 euros brutos mensuais

As prácticas contarán cunha prestación económica de 1000 euros brutos mensuais por estudante, xunto á obrigada cobertura de gastos derivados da Seguridade Social, que serán aboados polo ministerio a través da Universidade de Vigo.

O ano pasado, a duración da estadía tiña que ser superior a 3 meses, pero este ano flexibilizouse máis a duración, de modo que o alumnado que participe poderá facer estadías cunha duración de 2 a 4 meses no período comprendido entre o 15 de maio e o 15 de novembro. “Ademais, e dado que un dos maiores obstáculos destas estadías reside na dispoñibilidade de aloxamento no municipio destino, estase a pedir un maior esforzo ás entidades que se adhiran ao programa para que propoñan solucións de residencia para o alumnado e existe un compromiso de prestación de axuda na súa busca”, apunta a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez. 

Balance moi positivo para empresas, alumnado e Universidade

Como balance das dúas edicións anteriores, Álvarez salienta que, en liñas xerais, tanto o alumnado como as entidades amosaron unha gran satisfacción co programa. Nesta liña explica que para moitas entidades participar neste programa constitúe a súa primeira experiencia acollendo estudantes da Universidade nun período formativo. No caso do alumnado, para algúns estas axudas permítenlles volver á orixe das súas familias e re-conectar con vínculos que algúns foron perdendo co tempo. Para outros, bríndalles a posibilidade de ter unha nova experiencia cunha contorna rural que ata ese momento era descoñecida para eles ou elas. “En todo caso, todas as persoas participantes sobresaen sempre a oportunidade de ter unha experiencia profesional real e achegar valor sobre o terreo”, apunta Álvarez.

Desde o punto de vista da Área de Emprego e Emprendemento, este programa permítelle á Universidade achegarse a entidades coas que antes non tiña colaboración, con vistas a establecer novas canles de comunicación e novas sinerxías noutros programas, ademais de darlles a coñecer os servizos que se ofrecen dende a área e dos que poden beneficiarse.