DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove esdudantes de Esdemga intercambian proxectos cos de Saint Martins

Na busca da fusión da moda e o deseño gráfico

Os resultados poderán verse na pasarela Debut’10

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 10/06/2010

El Ego de Cibeles, a feira Heimtextil de Frankfurt ou o Festival de Hyéres son algunhas das citas nas que este ano se visibilizou o traballo do alumnado de Esdemga. Para contribuír a esa divulgación internacional a escola está a desenvolver ao longo deste curso un programa de intercambio cunha das máis prestixiosas escolas de deseño do mundo, a Central Saint Martins College of Art and Design (CSM) de Londres, na que estudaron grandes da moda como Galliano, Mathew Williamson ou Alexander McQueen. O obxectivo é formar parellas de traballo, nas que os estudantes de Esdemga acheguen o deseño téxtil das prendas dunha colección e os da CSM as implementacións gráficas para eses estilismos.
“A aposta pola colaboración coas mellores institucións de deseño europeas é unha das prioridades de Esdemga, que se materializa este ano con esta iniciativa”, destaca Rocío Gómez, docente e asistente de dirección do centro. Sinala que o convenio que rexe este proxecto non vén máis que a institucionalizar a colaboración habitual entre Esdemga e Saint Martins.

Desenvolver a idea de ‘prenda gráfica’

A proposta está codirixida por Cristina Varela, Rocío Gómez e Ana Seoane desde Esdemga e Marcos Villalba e Rachel Cattle desde Saint Martins. Para levala a cabo, Esdemga seleccionou nove alumnos e alumnas de 2º curso: Adrian Rivas, Aroa Veiga, Cristina Rodríguez, David Del Río, Elsa Díez, Humbelina Mira, Marta Portela, Noelia Padín e Paula Chapela. Durante varios meses desenvolveron unhas 60 propostas de posibles prendas, nas que o compoñente gráfico tivese un peso específico. “Esta idea de ‘prenda gráfica’ é cada vez máis demandada no mercado da moda e do fashionismo”, comenta Rocío Gómez ao respeto. A escolla final enviouse a Londres a finais de decembro de 2009, onde se seleccionaron outros nove estudantes para realizar as parellas de traballo. Para arrincar o proceso creativo os alumnos de Esdemga viaxaron a Londres en febreiro de 2010. Dende entón traballan conxuntamente mantendo un contacto continuo a través de Internet e teñen como meta o próximo mes de novembro. Do 20 ao 26 dese mes os estudantes londinenses virán a Galicia para facer os últimos acabados. Se todo vai ben, o resultado final poderá verse na pasarela Debut 2010.

“Unha experiencia moi enriquecedora”

David del Río é un deses alumnos que viaxou a Londres en febreiro. Afirma que “a experiencia foi moi enriquecedora” polo feito de ter que traballar con xente doutros países e ter que facerse entender “cun nivel medio de inglés”. No seu caso está traballando co francés Romain Arnette nunha colección baixo o título El hombre perturbado, inspirada no artista Henry Darger. Del Río asegura que a conexión co seu compañeiro foi moi fácil pola afinidade dos seus proxectos. “Máis que na obra de Darger eu busquei os elementos da colección na súa personalidade, marcada pola fuxida da realidade, e os debuxos de Romain recollían moi ben esa escuridade con siluetas distorsionadas”, comenta.
Volumes asimétricos, unha paleta cromática austera de grises e negros e unha patronaxe complexa son os principais trazos dos seus estilismos. Acaban compoñendo obxectos-prenda próximos á escultura, con coirazas, grandes capuchas, camisas de forza e cornos. “Reflicten a severa educación católica de Darger e tamén a gris sucesión dos seus días”, destaca o deseñador. “Algunhas prendas lembran incluso aos atuendos utilizados aínda hoxe por congregacións relixiosas que profesan prácticas e crenzas moi estritas como os Amish”, engade. Por último, destaca tamén a androxinia da colección recollida das propias personaxes que debuxaba Darger, “nas que contrastaba continuamente a beleza e o horror”. A singularidade da colección estase completando agora coas aplicacións gráficas de Arnette, levadas ás pezas a modo de bordado con cinta magnética como a dos vellos cassettes.