DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo Antonio Cayón, catedrático da Universidade Complutense de Madrid

A busca de man de obra cualificada e aforro fiscal seguen a ser as principais causas da deslocalización empresarial

CC Económicas e Empresariais acolle o seminario 'Dereito tributario e internacionalización'

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 16/12/2010
Aforro de costes laborais e fiscais, necesidade de man de obra cualificada e proximidade a recursos naturais e a mercados importantes. Estes son os factores que Antonio Cayón, catedrático de Dereito Financieiro e Tributario da Universidade Complutense de Madrid, considera fundamentais para explicar o proceso de deslocalización empresarial que se está a levar a cabo a nivel global. Así o explicou no transcurso dunha conferencia que impartiu ao abeiro do seminario sobre dereito tributario e internacionalización que se está a desenvolver na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias.

A Decana de Ciencias Xurídicas e co-directora do seminario, Ana María Pita, foi a encargada de presentar ao relator, que “dende hai anos ven colaborando coa Universidade e compartindo as súas inquedanzas e traballos, polo que a relación é moi estreita”, segundo dixo.

As xornadas, que teñen por obxectivo profundizar nas complexas relacións económicas, financieras e comerciais transnacionais que a globalización está a crear, “inclúen, ademais da visión universitaria achegas do sector público e privado, é dicir, da Administración Tributaria e dos asesores fiscais”, tal como explica a profesora Carmen Ruíz, coordinadora do seminario. Para debater sobre o tema estanse a reunir poñentes de Holanda, Italia e Portugal e “tamén hai bastantes da Universidade de Vigo, pero non por ser os anfitrións senón porque hai especialistas destacados na materia”, puntualiza Ruíz.

Cayón fixo un repaso polos efectos que a deslocalización empresarial está a producir a nivel global, como son o fraude fiscal, a descapitalización e os abusos nas condicións de traballo dos países emerxentes. En materia de dereitos sociais “hai empresas que se van a estados nos que as condicións laborais son de semiescravitude e, dende o punto de vista do medio ambiente, é moi habitual que busquen zonas nas que as normas sobre contaminación son case inexistentes para así pagar menos”, dixo.

Deslocalización e fiscalidade

No momento actual, caracterizado pola crise económica e social, as empresas que non queren desaparecer teñen dúas opcións. “A primeira deles pasa por introducirse na economía sumerxida e a segunda por deslocalizarse”, segundo explica o catedrático, que engade que “para isto estanse a aproveitar as reestructuracións, as absorcións e as fusións empresariais”. Neste proceso están a influír notablemente as políticas monetarias, xa que “non é o mesmo producir en China co yen polo chan que en Europa cun euro forte”, engadiu.

Dende a perspectiva do dereito tributario, a fiscalidade non se debe perder de vista, xa que pode favorecer as deslocalizacións hacia dentro ou dificultar os movementos cara ao exterior, segundo a planeen os diversos estados. Na Unión Europea este problema agrávase “ao haber 27 lexislacións diferentes que fai que as empresas teñen un amplo abano onde elixir”, conclúe o relator.

Traslado de empresas entre países da Unión Europea

A Unión Europea, cando examina o traslado de empresas entre os países que a integran, considera que a deslocalización propiamente dita non existe, pero “este trasvase reflicte a tensión existente entre as diferentes realidades que nela conviven”, segundo palabras de Cayón, que engade que “no enfoque comunitario é considerada positiva porque se parte da consideración de que os recursos van ser asignados dun xeito máis eficiente”. Isto leva a problemas de todo tipo, entre os que destaca a competencia por atraer riqueza. A modo de exemplo, Cayón sinalou o caso de Italia que acaba de aprobar un decreto lei que permite ás corporacións que se establezan no país tributar á carta, é dicir, elixir o réxime fiscal do imposto de sociedades que máis lles convén.