Unha vez que a ameixa asiática, Corbicula fluminea, coloniza un hábitat, a súa erradicación é imposible. Por iso, é na educación, na concienciación, na prevención e no control onde a comunidade científica reclama atención. Esta especie invasora está presente en Galicia dende 1989, cando se identificou por primeira vez no río Miño e na actualidade pódese atopar tamén noutros ríos, como o Ulla ou o Sil. O investigador da Universidade de Vigo Noé Ferreira leva tres anos analizando o seu patrón e velocidade de dispersión, así como as características ecolóxicas que poidan ser aplicadas na xestión, prevención e control desta especie exótica en Galicia. As conclusións do seu estudo recóllense na súa tese de doutoramento, dirixida pola catedrática de Ecoloxía Isabel Pardo, dentro do programa de doutoramento Marine Science, Technology and Management, Do*Mar.
23/06/2017