Palestina, de Joe Sacco, Maus, de Art Spiegelman, ou Persépolis, de Marjane Satrapi, son tres recoñecidas novelas gráficas, pero tamén un xeito de achegarse ao conflito en Oriente Medio, ao holocausto ou ao ascenso ao poder do aiatolá Jomeini. Facer uso de diferentes manifestacións culturais, desde o propio cómic, á arte, a música ou o cinema, como un recurso capaz de captar a atención do alumnado nas aulas e achegalos a unha determinada temática é a base do proxecto polo que a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Rosa Ricoy vén de ser recoñecida co primeiro premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA). “O proxecto forma parte dalgo que xa veño facendo desde hai anos na docencia e refírese a introducir aspectos que poidan favorecer que o alumnado preste atención, poñendo exemplos que fagan as clases amenas sen perder calidade nos contidos”, salienta da proposta premiada.
19/06/2017