Nunha sociedade cada vez máis diversa, as aulas universitarias son tamén cada vez máis diversas. Nelas conflúen persoas con idades, obxectivos, necesidades, orixes e perfís moi diferentes. No campus de Ourense, ese mosaico vén de ampliarse este mes coa chegada de Lucy, o primeiro can guía, neste caso cadela guía, que se incorpora ás aulas da Universidade de Vigo. Despois dun difícil proceso de selección para que lle fose concedido este apoio por parte da Fundación Once do Can Guía, Lucía González, alumna de cuarto curso do grao de Traballo Social con discapacidade visual, puido deixar de guiarse co bastón para facelo con esta cadela de raza labrador “moi xoguetona pero moi intelixente”. Antes da súa incorporación, os demais membros da comunidade universitaria recibiron indicacións sobre como tiñan que actuar ante a súa presenza e dúas semanas despois da súa chegada, Lucy xa participa da vida universitaria.
17/02/2017