De mellor calidade, máis sans, pero menos rendibles. Esta é a crenza estendida sobre o cultivo de produtos ecolóxicos, pero a tese de doutoramento de Lourdes Martínez demostra que no caso do kiwi non é así. Esta froita procedente de cultivo orgánico ten unha maior carga nutricional e unha rendibilidade incluso maior ca noutro tipo de explotacións. No seu estudo analizou a produción de kiwi baixo tres sistemas agrícolas ben diferentes: o convencional, que emprega produtos químicos, o orgánico e, finalmente, o integrado, que reúne características dos outros dous. Para iso centrouse na zona de Tomiño, a de maior produción de Galicia e onde se reúnen as condición óptimas para este cultivo, do que a comunidade autónoma galega é responsable do 60% da produción nacional. “Os sistemas de cultivo orgánico manteñen a fertilidade do solo e proporcionan mellores propiedades tanto ao chan como á calidade do froito”, indica Martínez.
14/03/2013