A Corbicula fluminea, ou ameixa asiática, é unha especie invasora de auga doce documentada en Galicia dende finais da década de 1980. A partir dese momento foise estendendo por ríos e estuarios da comunidade colonizando xa o Ulla, Mero, Deva, Sil e medios illados como as lagoas de Centeáns, como consecuencia das actividades humanas. O investigador Noé Ferreira, en colaboración co Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, está a levar a cabo unha análise da dispersión desta especie en Galicia na actualidade, para o que estableceu un total de 113 puntos inicias de mostraxes “nos principais esteiros da comunidade, dende o río Lérez ata o Eo, na fronteira con Asturias, para baixar polo Miño dende Meira ata A Guarda, incluíndo o tramo galego do Río Sil dende O Barco de Valdeorras ata a súa confluencia co Miño nos Peares”.
16/01/2015