Despois de que as liñas xerais orzamentarias foran expostas ao Claustro e do seu paso polo Consello de Goberno a pasada semana, o orzamento da Universidade de Vigo para 2016 foi aprobado de xeito definitivo polo pleno do Consello Social, na sesión que desenvolveu este martes na Casa das Campás. Co voto favorable de todos os membros presentes, o orzamento da institución académica para o vindeiro exercicio, que ascende a 160,6 millóns de euros, un 2,79% menos do aprobado para o presente ano, recibiu o “apoio decisivo” deste órgano, como salientou o reitor, Salustiano Mato, ao remate da xuntanza desenvolvida na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Reunión na que o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, puña de relevo “o bo estado financeiro” dunha institución académica que pechou con superávit os catro últimos exercicios.
29/12/2015