“Ser o primeiro campus con este distintivo é unha honra, pero ao mesmo tempo é tamén unha responsabilidade”, recoñeceu o reitor, Salustiano Mato, minutos antes do izado da bandeira verde que converte a Pontevedra no primeiro campus de España en obter a distinción que a FEE (Foundation for Environmental Education), outorga a través da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Pechábase así, co despregue do estandarte que xa ondea na rotonda central do campus, un “proceso intenso e complexo” no marco do proxecto Green Campus, co que a FEE recoñece o labor realizado en materia de xestión e educación ambiental de campus e facultades de todo o mundo. Mais ao mesmo tempo, como engadiu o reitor, o acto de hoxe supuña tamén o inicio dunha nova etapa, “na que traballar para conservar e dignificar esta bandeira”.
18/11/2015