Desde o cabo Ortegal en Galicia ata a punta de Pern en Francia, sitúase o Golfo de Biscaia, abarcando portos e zonas de pesca de grande importancia nos dous países. Por esta relevancia, calquera variación nas condicións das súas augas pode ter importantes implicacións socioeconómicas. Atendendo a esta circunstancia e ao cambio climático que se está producindo, na súa tese de doutoramento o investigador da Universidade de Vigo Xurxo Costoya analizou as variacións de temperatura e salinidade nas últimas décadas neste golfo e as súas causas e consecuencias. Os resultados apuntan a cambios significativos, entre eles un quecemento da superficie de toda a baía de 0,26 graos centígrados por década. A metodoloxía deseñada para realizar este estudo aplícase agora noutras áreas do planeta, como na costa oeste da Península Ibérica, na costa de Marrocos e tamén en Canarias.
21/07/2016