Nature Photonics, a revista científica de referencia no eido da fotónica, faise eco no seu último número, publicado este mesmo martes, da creación dun novo láser, sen precedentes a nivel mundial, con importantes e novidosas aplicacións no mundo da biomedicina e as telecomunicacións desenvolto por investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Leeds (Reino Unido), o Centro de Investigación Jülich (Alemaña) e o Centro Paul Scherrer (Suíza).
“Trátase do primeiro láser baseado en aleacións de xermanio e estaño e abre o camiño cara a novos dispositivos ópticos cunhas características sen precedentes”, subliña Stefano Chiussi, da Universidade de Vigo, que asina o artigo xunto ao alemán Dan Buca e o británico Zoran Ikonic, con quen o grupo de Novos Materiais da Universidade, integrado na Rede Galega de Biomateriais, leva anos colaborando.
20/01/2015