DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus presentou na feira Galisenior os seus estudos para persoas con máis de 55 anos

Buscando novos alumnos ou alumnas para o Programa de Maiores

O número de matriculados nos seus dous ciclos ascende este curso a 140

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 15/05/2014
Cada ano por estas datas Expourense acolle a celebración de Galisenior, unha feira única no noroeste peninsular dirixida ás persoas maiores, ás súas familias e aos profesionais que traballan neste sector. O seu obxectivo é fomentar a vellez como unha etapa máis da vida ofrecendo unha ampla mostra de produtos e servizos proxectados para brindar unha mellor calidade de vida a este colectivo, posibilitándolles a oportunidade de intervir activamente na sociedade, fomentando a súa autonomía, independencia e liberdade. Entre as iniciativas presentadas nesta edición 2014 están o Programa para Maiores que se imparte no campus de Ourense dentro das Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo.

A participación do Programa para Maiores nesta feira consistiu en dúas accións principais. Por unha banda, habilitou un posto propio en Galisenior que permitiu distribuír entre o público asistente información sobre estas aulas de formación destinadas a maiores de 55 anos, podendo así atender directamente as dúbidas dos interesados. Ademais, o primeiro día de programación, Alberto Vaquero, coordinador do Programa no campus de Ourense, e María Teresa Díaz, xefa de Servizos á Comunidade do campus ourensán, foron os encargados de ofrecer unha charla na que presentaron pormenorizadamente a profesionais do sector e a outras persoas interesadas as características destes estudos universitarios.

Dous ciclos e unha experiencia única

“Galisenior é unha gran oportunidade para dar a coñecer, polo miúdo, esta actividade educativa. O Programa de Maiores do campus de Ourense é unha oferta formativa cunha alta aceptación. No Ciclo Intensivo, que dura tres anos, actualmente cursan as diferentes materias preto de 80 alumnos e alumnas, aos que hai que sumar máis de 60 no Ciclo de Especialización, no que xa comparten aulas cos estudantes universitarios máis novos”, destacou Alberto Vaquero durante a súa intervención. A experiencia para as persoas que se matriculan nestes estudos, apuntaron os representantes do campus, é sempre moi positiva tanto polo enriquecemento persoal que lles proporciona, ao estar en relación con outras persoas de idade e inquedanzas similares, como pola oportunidade que lles dá de medrar en coñecementos e cumprir así en moitas ocasión un desexo pendente da xuventude de estudar na universidade, pero agora xa coa tranquilidade que proporciona ter unha vida laboral realizada.

Ademais de coñecer o programa e a súa estruturación académica, os asistentes á charla de presentación e as persoas que se achegaron ao posto do campus en Galisenior tamén puideron coñecer os detalles máis administrativos do Programa. “É importante que aquelas persoas que estean interesadas se informen canto antes dos prazos de inscrición, dos requisitos necesarios para apuntarse, dos custes de matrícula e de todas as cuestións que son de carácter máis operativo pero imprescindibles”, apuntou María Teresa Díaz.