DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeiras iniciativas do Centro de Excelencia de Vigo

Búscanse empresas innovadoras con ganas de progresar

Terán ata o 21 de decembro para solicitar un adestrador persoal que lles axude a mellorar a súa comp

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 20/11/2012

Será un centro de alto rendemento en creatividade aplicada á innovación. O Centro de Excelencia de Vigo bota a andar cun primeiro proxecto que servirá de “embrión” desta factoría de innovación coa que se pretende que 30 pequenas e medianas empresas poidan incrementar a súa competitividade no desenvolvemento, implantación e deseño de actividades de I+D+i e facer efectiva a transferencia ao tecido industrial de todo o coñecemento xerado polos investigadores vigueses. “Tras un ano de traballo xa estamos en disposición de crear unha contorna atractiva para desenvolver futuro”, recordou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, durante a presentación das primeiras actividades do Centro de Excelencia. Nesta primeira fase, hasta setembro de 2013, desenvolverá un programa de adestramento individualizado e un amplo programa de actividades abertas e de balde para pemes e emprendedores.

Primeira factoría de innovación con sede en Galicia, o seu nacemento foi promovido pola propia Universidade xunto co Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Escola de Organización Industrial. A iniciativa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, polo que terá custe cero para as empresas, que “só deberán investir esforzo, recursos e tempo”, xunto á vontade de “involucrarse” para aplicar a innovación a un produto, a un proceso, ao mercado ou á xestión, segundo analizou Fernando Bayón, director xeral da Escola de Organización Industrial. “Trátase de axudar a abrir portas á internacionalización, a facer negocio doutro xeito para facer que as empresas xeren emprego e crezan económica e comercialmente”, salientou Mato. As pemes interesadas en participar terán ata o 21 de decembro para presentar a súa solicitude a través da web do Centro de Excelencia.

Adestrador persoal para levalas da man á innovación

Os requisitos para ser seleccionado: ter un reto, un problema ou proxecto no que a innovación xogue un papel importante e vontade de facerlle fronte. Para intentalo contarán a partir de xaneiro e durante un mínimo de 6 meses cun adestrador persoal que, a través de sesións de traballo individuais e en grupo, identificará, definirá e porá en marcha un proxecto de innovación específico que axude a dinamizar a súa actividade empresarial e mellorar os seus procesos de xestión. Un xeito de promover a cultura innovadora e de “dotar ás empresas das ferramentas que precisan para saír da crise”, explicou Teresa Pedrosa, delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. “Esta colaboración reflicte a forte aposta polo emprendemento con capital risco para que reporten resultados tanxibles a toda a cidade e que o capital humano que se está a formar na Universidade de Vigo sexa valorado aquí antes que noutro país”, fixo fincapé Pedrosa.

O Centro de Excelencia, con sede no novo Centro de Negocios de Porto do Molle (Nigrán) tamén levará a cabo un programa de actividades en aberto que comezará con 15 foros, obradoiros, showrooms ou sesións en aberto dirixidas a empresas, agrupacións empresariais e institucións que queiran potenciar a cultura innovadora. A primeira acción aberta será o foro Innovar para competir. O valor da innovación como dinamizado da actividade empresarial , que terá lugar o vindeiro 18 de decembro nas instalacións do Consorcio da Zona Franca en Bouzas. Para participar nestas actividades os interesados só terán que inscribirse en cada unha das sesións que a organización irá convocando ata setembro de 2013.

Innovación e sostibilidade

Como reflicte cada ano o Informe Ardán, as empresas que apostan pola innovación e a internacionalización son as que mellor están a superar estes momentos de crise. Por iso, unha das finalidades do Centro de Excelencia de Vigo é axudar aos empresario a “definir mellor o produto para mellorar as súas capacidades a través dun polo de innovación que consiga empresas verdadeiramente innovadoras e sostibles”, como argumentou Luis Sánchez, director do Instituto de Competitividade e Emprendemento da Escola de Organización Industrial. Desta institución parte a idea de crear factorías de innovación que se están extendendo por cidades consideradas importantes polos de actividade económica e empresarial.