DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda terá lugar o 24 de novembro 

Búscanse modelos para Debut 2023

A vindeira semana ábrese a inscrición para as persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 13/10/2023

O venres 24 de novembro, o recinto feiral do Pazo da Cultura acollerá unha nova edición de Debut, o desfile no que os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda presentan as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de mestrado (TFM). De levar estes proxectos académicos á pasarela encargarase un grupo de preto de 70 voluntarios e voluntarias, que exercerán como modelos nun evento que congrega cada ano un bo número de representantes da industria da moda. Coa idea de reunir colaboradores e colaboradoras, Esdemga abre a vindeira semana o proceso de inscrición para as persoas interesadas, ás que se lle tomarán unha serie de medidas e se lles realizarán fotografías de cara á posterior selección final, que virá determinada polas necesidades das diferentes coleccións.

Como explica a coordinadora deste mestrado, Lola Dopico, trátase “dunha colaboración totalmente amateur e voluntaria”, á que cada ano se suma un bo número de xente nova, coa idea de vivir “unha experiencia divertida e enriquecedora, na que moitos e moitas repiten” e que para a maioría supón un primeiro achegamento ao mundo da moda. De feito, lembra Dopico, a participación en Debut constituíu nalgúns casos a primeira experiencia como modelos de persoas que logo desenvolveron unha traxectoria profesional neste eido. De cara a esta edición, este proceso de selección permanecerá aberto ata o 6 de novembro e os interesados e interesadas poden acudir ao despacho de Esdemga na Facultade de Belas Artes os martes de 11.00 a 13.00 e de 18.30 a 20.30 horas, os mércores de 11.00 a 13.30 horas e o venres de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 horas, así como obter máis información a través do correo electrónico info.esdemga@uvigo.es. A escolla final vai depender dos TFM que finalmente se leven á pasarela e de se estas son coleccións femininas ou masculinas e dos seus talles. Non obstante, sinala Dopico, a previsión é nesta edición se leven á pasarela máis de 15 proxectos finais, “polo que é posible que precisemos preto de 70 modelos”. 

Un punto de encontro co mundo profesional

Nacido en 2007 como o espazo no que se presentaban os proxectos de fin de estudos do antigo título propio de Esdemga, posteriormente substituído polo actual mestrado adscrito á Facultade de Deseño, Debut concíbese como un punto de encontro entre o sector profesional e os novos titulados e tituladas. De feito, o desfile verase precedido, na mañá do propio venres 24, polas Xornadas Técnicas de Recursos Humanos, nas que os futuros egresados e egresadas dan a coñecer o seu traballo e menteñen unhas primeiras entrevistas con responsables de persoal de diferentes firmas de moda, para logo presentar tamén os seus traballos aos e ás integrantes do tribunal encargado de decidir que coleccións serán premiadas nesta edición. Aínda que a estrutura final do desfile aínda está pendente de definirse, a idea inicial, explica Dopico, é que este evento conte como en anos anteriores cun primeiro bloque dedicado a TFM e un segundo no que se presenten proxectos realizados o pasado ano por estundantado de primeiro curso do máster.

Así mesmo, o desfile verase precedido esa mesma semana por unha serie de actividades que completan a programación de Debuto, como talleres para o alumnado.