DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para participar no proxecto ‘uniHcos’ no que colabora a Universidade de Vigo

Búscase alumnado de primeiro curso que queira mellorar a súa saúde

Trátase dun estudo pioneiro financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 08/05/2012

Cinco universidades españolas buscan, entre os seus matriculados de primeiro curso, estudantes interesados en formar parte do Proxecto uniHcos, centrado en analizar os hábitos de vida da poboación universitaria. O grupo de investigación Healthyfit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus e dirixido polo profesor José María Cancela, participa activamente neste estudo coordinado dende a Universidad de León que conta co apoio e financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O proxecto atópase na fase inicial de selección da mostra “buscando que sexa o máis grande e representativa posible dado o interese e o alcance da investigación”, explica o profesor Cancela.

As universidades de León, Vigo, Cantabria, Granada e Xaén decidiron unir esforzos para deseñar e desenvolver un estudo lonxitudinal e nacional que dea conta da evolución das condutas relacionadas coa saúde en estudantes universitarios de primeira matrícula do curso 2011/2012. Como apunta Cancela, “o noso obxectivo non é que contesten de forma illada a un cuestionario, senón que queremos facerlle un seguimento da mostra durante 15 ou 20 anos creando case un vínculo familiar coa persoa”, de aí a necesidade de atopar alumnado “verdadeiramente” interesado en mellorar e mudar condutas pouco saudables. Membros do grupo de traballo deste estudo decidiron centrarse na etapa universitaria xa que moitos dos hábitos que inflúen na saúde consolídanse nesa idade “polo que é un momento adecuado para avaliar os estilos de vida e, se é necesario, tentar cambialos”.

O alumno que participe en Unihcos comprometerase a realizar enquisas online bienais dende o primeiro ano universitario, respondendo a unha lista de preguntas relacionadas co exercicio físico, hábitos alimenticios e co consumo de tabaco, alcol e drogas. Trátase dun estudo pioneiro en España “posto que actualmente non hai ningunha mostra universitaria establecida que ademais empregue as novas tecnoloxías para transmitir información e realizar as enquisas”, engade.

Similitude na liña de investigación

A Universidad de León solicitou a colaboración do grupo que lidera o profesor Cancela dada a súa afinidade coa liña investigadora do proxecto uniHcos. “Grazas á Cátedra Filgueira Valverde, hai un par de anos desenvolvemos un estudo sobre os hábitos de vida do alumnado do campus e xa nos sorprenderon datos curiosos que queremos reformular ou refutar con esta nova investigación”, sinala Cancela, que salienta ademais a idoneidade do proxecto “xa que neste contexto de crise, todo o que sexa economizar esforzos e buscar colaboracións é benvido”. Aínda que uniHcos naceu da man de cinco universidades, está aberto á participación de outras que teñan interese en participar “para conseguir unha mostra o máis representativa posible da poboación española”, apunta o profesor. Recentemente, adheriuse ao proxecto a Universidad de Las Palmas e hai previsión de que se una algunha máis.

Como ser uniHco

Para facerse uniHco, o alumno debe escribir ao correo electrónico unihcos@gmail.com a través do que se lle informará máis polo miúdo da investigación. Tras aceptar as condicións, remitiráselle a un sistema de enquisas que recolle e almacena os datos de forma totalmente confidencial e anónima.