DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Confederación Empresarial de Ourense convoca un concurso para renovar a súa imaxe

Búscase logotipo para representar a 10.000 empresas da provincia

Poden presentar propostas os estudantes de calquera titulación do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 07/11/2013

A Confederación Empresarial de Ourense CEO e a súa fundación queren renovar a súa imaxe corporativa, concretamente o seu logotipo. Para facelo queren contar coas ideas dos estudantes universitarios e con este obxectivo veñen de convocar un concurso para o seu deseño. O alumnado de calquera das titulacións do campus de Ourense pode xa presentar as súas propostas para renovar o elemento gráfico que representa a esta entidade, que engloba directa e indirectamente a arredor de 10.000 empresas da provincia. O prazo para facelo remata o 29 de novembro.

O concurso, explica Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, xorde no marco do convenio de colaboración asinado entre a CEO e a Universidade de Vigo para pór en marcha liñas de colaboración entre as dúas entidades nos eidos da transferencia, a investigación e a colaboración educativa e cultural. Segundo recollen as bases do certame, os traballos que se presenten, que teñen que ser orixinais e inéditos, deben reflectir o concepto de organización empresarial, pois a Confederación Empresarial de Ourense integra tanto a diferentes asociacións empresariais (sectoriais, intersectoriais e comarcais) como tamén directamente algunhas empresas que non teñen asociación específica na provincia.

Bases e premio

Como ideas forza a ter en conta á hora de deseñar o logotipo, as bases do concurso subliñan o feito de que a CEO representa ao conxunto dun colectivo empresarial; a súa forte presenza territorial, pois representa directa ou indirectamente a preto de 10.000 empresas; o seu carácter innovador e de propostas de futuro; o seu labor de defensa dos intereses dos empresarios e a súa contribución ao desenvolvemento social e ao progreso da provincia.

Entre outros criterios, as propostas deben servir para identificar e unificar todas as actividades ligadas á entidade e teñen que poder adaptarse a calquera soporte de difusión (papel, cartas, cartóns, carteis, correo electrónico, páxina web, etc.). A participación pode ser individual ou en equipos e o prazo de presentación está aberto ata as 20.00 horas do 29 de novembro. Os orixinais deberán presentarse en formato dixital e papel na sede da CEO ou por correo postal ou en calquera dos rexistros da Universidade de Vigo. Un xurado elixirá a proposta gañadora empregando como criterios a súa creatividade, a funcionalidade e o dominio da técnica utilizada, valorándose especialmente o deseño artístico e simbólico así como a súa adecuación ás ideas forza sinaladas da CEO. O premio consistirá nun IPAD MINI 16XB.