DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa da Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade

Búscase a opinión de PDI e PAS sobre os servizos da Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 07/12/2010

Co obxectivo de coñecer de primeira man a opinión que o Persoal de Administración e Servizos (PAS) e Persoal Docente e Investigador (PDI) ten dos servizos que se prestan na Universidade de Vigo, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade está a realizar unha serie de enquisas dirixidas a ambos colectivos. “É importante que todos os que estean incluidos nestes ámbitos cubran o cuestionario, xa que só así poderemos mellorar a calidade dende todos os puntos de vista”, tal como explica o vicerreitor Ignacio Barcia, que engade que “traballamos continuamente na procura da excelencia”.

As enquisas responden ás esixencias derivadas do Sistema de Garantía de Calidade de Centros, do Plan Operativo de Xestión e do Plan Avante. Por este motivo se están a están a desenvolver dous cuestionarios diferenciados, un deles dirixido únicamente ao PAS e orientado a coñecer o clima laboral, e outro no que ademais pode participar o PDI e que pretende evaluar o nivel de satisfacción existente en torno aos servizos prestados pola Universidade.

Ata o vindeiro 30 de decembro quen desexe participar na iniciativa pode cumprimentar as enquisas a través do enlace http://webs.uvigo.es/webenq/PAS1010/ coa garantía de que as súas respostas son anónimas e confidenciais. A identificación mediante o número de DNI cumpre a función de código de acceso e en ningún caso queda asociada á desposta emitida ao cubrir o cuestionario.

Só se precisan un par de minutos

Para facilitar a participación, os cuestionarios están formulados para responder en tan só uns minutos, posto que se trata de dez breves afirmacións que hai que valorar do 1 ao 7, sendo esta última a puntación máis alta. Na enquisa que ten como finalidade avaliar o clima laboral existente na Universidade valóranse aspectos como os recursos e os espazos dispoñibles, o sistema de reparto de cargas, o traballo en equipo e a formación e información recibida polo PAS para desempeñar as súas funcións.

Pola súa banda, o cuestionario relativo á satisfacción dos usuarios dos servizos fai fincapé na valoración dos e das profesionais que están a cargo deles, centrándose no trato e tipo de atención recibida, nas súas actitudes e cualificación e na suficiencia dos recursos materiais e tecnolóxicos cos que contan.