DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha bolsa da Fundación Dorzán e a Universidade

Búscase proxecto de investigación centrado no colectivo de maiores

O prazo de presentación está aberto ata o 16 de xuño

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 03/05/2017

O pasado mes de febreiro tivo lugar a sinatura dun convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade. Entre as primeiras medidas contempladas estaba entón a convocatoria dunha bolsa de investigación co obxectivo de facilitar apoio económico para a realización de traballos científicos na área de atención ás persoas maiores. O prazo de presentación de propostas para a primeira edición desta bolsa vén de ser ampliado ata o 16 de xuño.

A bolsa, que financiará un único traballo coa cantidade de 1500 euros, está dirixida ao alumnado matriculado durante o curso 2016/2017 na Universidade de Vigo no campus de Ourense e ao persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. Poden presentarse tanto persoas físicas como grupos de investigación. O obxectivo último desta iniciativa é fomentar o estudo ou investigación de técnicas ou protocolos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e que poidan aplicarse con posterioridade noutros ámbitos. Polo tanto, na valoración dos proxectos teranse en conta factores como a experiencia do solicitante no tema, a innovación, a calidade científico-técnica e a viabilidade e aplicabilidade.

Desde estudos sobre estereotipos a programas de intervención

Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Entre as liñas financiables están estudos sobre estereotipos, prexuízos, discriminación ou coñecementos relacionados co envellecemento e os seus procesos; deseños ou validación de instrumentos de avaliación xeriátrica ou xerontolóxica; programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou ao fomento do envellecemento activo; promoción de hábitos e comportamentos que contribúan a mellorar a saúde deste colectivo; innovacións tecnolóxicas que favorezan a atención da terceira idade; investigacións e programas de prevención de accidentes; programas de intervención preventiva ou correctiva dirixidos a reducir a incidencia e prevalencia de enfermidades ou trastornos psicosociais frecuentes; programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores con enfermidades neurodexenerativas ou dos seus coidadores, ou calquera investigación, programa de intervención ou desenvolvemento tecnolóxico que contribúa a mellorar o benestar, a saúde ou a imaxe social das persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense.