DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración das xornadas 'De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia'

As búsquedas na rede, as mellores pistas sobre os gustos do consumidor

Miguel Guardia, primeiro convidado, afondou no rol que xoga o nativo dixital na comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 14/03/2011

A efectividade da comunicación publicitaria atópase en Internet. E non se trata de premonicións futuras senón que é o presente que se está a vivir coa chamada “revolución dixital”, na que as rutinas diarias da poboación quedan reflectidas na rede. Esta idea é a que defendeu Miguel Guardia, planner dixital e experto en search marketing e primeiro convidado das xornadas De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia. Presentado por Ana Belén Fernández Souto e por Juan Pereira, coordinadores das conferencias, quixo deixar claro o papel do consumidor “que abandonou ese rol para converterse en creador, editor e distribuidor de información que os propios medios tradicionais toman como fidedigna”.

Para o convidado, titulado das primeiras promocións de Publicidade e Relacións Públicas, a revolución dixital que se está producindo nestes momentos, “e da que debemos ser conscientes porque senón non somos nada en comunicación”, ten unhas consecuencias semellantes ao que sucedeu na Revolución Industrial, pois “do mesmo xeito que asumimos traballar oito horas e unha produción en cadea, teremos que asumir este novo cambio que está a mudar a comunicación convencional”. Esta nova realidade ofrece unha gran cantidade de canais cun conseguinte aumento de volume de información e unha fragmentación dos medios e por conseguinte da audiencia. Como aclarou Miguel Guardia, “se antes cun spot amañabamos para chegar a miles de persoas, agora hai que crear unha aplicación para o móbil pasando por Internet”.

O usuario da rede, “xornalista do século XXI”

Recalcou a necesidade de deixar atrás a antiga concepción de comunicación , “aquela que nos ensinaron na facultade hai anos na que o anunciante falaba e o consumidor escoitaba e punto". Neste novo contexto que plantexa a rede, “xa non podemos falar de potenciais clientes, senón de persoas que responden ás mensaxes das marcas”. Na actualidade asumen o papel “de xornalistas do século XXI” que crean, editan, comparten e recomendan información, “representando o 80% do contido de Internet”.

Para o experto, os nativos dixitais equivalen “á xeración Me, coa súa conta de correo, co seu blog, co seu perfil en Facebook, coas súas etiquetas, cos seus produtos…”, unha corrente de usuarios “á que soamente lles interesa o próximo a eles, o que lles rodea”, ademais de que o que queren “ten que ser aquí e agora", engadiu. Teñen por costume trasladar ao dixital a súa realidade diaria, “manifestando a súa forma de ser, os seus comportamentos de fóra no mundo online”. E o que magnifica este fenómeno é que os propios medios tradicionais beben do que sucede en Internet, e repercute nos seus contidos, así “nestes días La Voz de Galicia segue o terremoto do Xapón polo twitter dun galego en territorio nipón”, aclarou Guardia.

A clave, os motores de búsqueda

Ante este panorama o reto das marcas atópase en “conectar” con ese público “creador de contidos, esixente e multitarea”. A cuestión céntrase en achegarse aos seus gustos que quedan reflectidos nas súas búsquedas, “pois como ocorría coas Páxinas Amarelas, os usuarios van buscar en Google o que realmente lles fai falla”. Por tanto, as palabras clave empregadas nas procuras dos usuarios “convértense en referenciais para a redacción dos anuncios na rede”, aclarou o profesional. O emprego desas “key words” supon achegarse ao consumidor e, mediante técnicas de posicionamento, “os nosos anunciantes poderán aparecer nos primeiros postos deses motores de búsqueda logrando a efectividade”, concluíu.

Próxima cita

As xornadas De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia prolongaranse durante todos os luns do segundo cuadrimestre tendo como próxima cita o 21 de marzo para debater sobre comunicación e música cos profesionais Xosé Liz e Anxo Pintos, músicos e compositores. Como ben explicaron os organizadores, este ciclo de conferencias pretende achegar a realidade do mercado publicitario galego aos futuros profesionais do sector “a través de experiencias accesibles, afastándonos das grandes visións de venta dos ídolos da comunicación”.