DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 26 de novembro

O Cabo Udra, destino da terceira ruta cultural deste curso

A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 21/11/2022

A programación de rutas culturais da Universidade de Vigo continúa o sábado 26 de novembro coa Ruta Cabo Udra (Bueu). As andainas, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, trasladaranse á provincia de Pontevedra despois de arrancar o pasado 25 de outubro a súa actividade en Portugal, realizando a Ruta Foz do Lima, Cabedelo e Ribeira de Anha, en Viana do Castelo, e continuar o 5 de novembro coa Ruta Romana do Viño, en Larouco, Ourense. A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.

A Ruta Cabo Udra preséntase, ao igual que as andainas precedentes, cunha dificultade baixa e 18 quilómetros de percorrido, que seguirá o traxecto Porto de Aldán-Cabo Udra-Bueu. Trátase, explican desde a organización, dun itinerario pola ría de Aldán para descubrir “un dos litorais máis fermosos de Galicia e das Rías Baixas”, que permitirá ás e aos asistentes coñecer “unha paisaxe recoñecida como lugar de interese comunitaria polos seus magníficos valores naturais”. Seguindo a filosofía destes roteiros de mesturar práctica de exercicio físico e cultura, a ruta inclúe paradas interpretativas a cargo de persoal especializado.

A información de cada ruta e a inscrición realízase a través do Campus Activo da UVigo. Os prezos oscilan en función do colectivo de pertenza de cada persoa, habendo ademais a posibilidade de bonos. A inscrición está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. Para cada roteiro haberá autobuses que trasladen ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo (Vigo, Pontevedra e Ourense) ao inicio do percorrido e de regreso. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria, no blog destes roteiros universitarios.

Seguinte oportunidade

Para pechar esta programación de roteiros, o 17 de decembro celebrarase a cuarta e última andaina cultural deste cuadrimestre, que leva por nome Sicenata Pacata. Ruta do Castelo de Parada (Pereiro de Aguiar, Ourense). De dificultade media e 19 quilómetros, neste roteiro na entrada da Ribeira Sacra do Miño, “camiño polo que discorreron persoas e mercadorías dende hai miles de anos”, indican desde a súa organización, “cada pedra agocha unha mensaxe aínda sen descifrar”. A actividade inclúe iniciación á micoloxía e un magosto festivo ao rematar.