DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun convenio coa Universidade de Cabo Verde e o Instituto Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro

Cabo Verde busca no Campus do Mar un aliado para potenciar e modernizar o seu sector mariño

Colaborarán na especialización dos investigadores e na posta en marcha dun programa de doutoramento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 28/02/2012

O coñecemento e a investigación son fundamentais para o desenvolvemento e o crecemento sostible dos países, unha premisa que o Campus do Mar ten presente no proceso de busca de novos parceiros. África en xeral, e Cabo Verde en particular preséntanse como obxectivos do proceso de internacionalización do campus de excelencia vigués, con convenios de colaboración como o que este martes se asinou co país africano. Cabo Verde conta cun crecente e vigoroso sector pesqueiro e marítimo, pero adoece dun tecido suficiente de docentes e investigadores neste eido. Neste intercambio de coñecemento e formación reside o protocolo de cooperación que a Universidade de Vigo asina coa Universidade de Cabo Verde e do Instituto Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro do país. Estas institucións consideran o sector mariño como prioritario e buscan no Campus do Mar un aliado para potenciar o desenvolvemento sostible do sector do mar a través do reforzo da investigación e da formación dos novos profesionais. A través do videoconferencia, Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Paulino Lima Fortes, reitor da Universidade de Cabo Verde e Óscar David Melício, presidente do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas de Cabo Verde (INDP) formalizaron este acordo que permitirá a investigadores caboverdianos cursar o programa de doutoramento do Campus do Mar e posteriormente poñer en marcha un programa de seu en Cabo Verde.

Segundo apuntou Emilio Fernández, director do Campus do Mar, “a internacionalización e a cooperación para o desenvolvemento son fundamentais para nós e Cabo Verde é un dos países obxectivo”. A finalidade é reforzar a formación doutoral do tecido científico do país para sentar as bases dun programa propio de doutoramento no eido mariño en Cabo Verde. No mes de setembro incorporaranse catro investigadores ao programa internacional de doutoramento do Campus do Mar, que cursarán en Galicia o primeiro ano de estudo e os tres seguintes no país de orixe baixo a titorización de investigadores das institucións parceiras do campus de excelencia.

O reitor vigués remarcou a grande oportunidade que esta alianza abre para as tres institucións asinantes, unha porta a colaboracións noutros eidos que “fortalezan as nosas alianzas de futuro”. Para o presidente do INDP, Óscar David Melício, este acordo vai máis aló da formación, permite sentar as bases para o crecemento futuro do sector mariño no seu país. Segundo apuntou, o seu goberno demanda unha maior especialización dos investigadores “ao que contribuirá o futuro programa de doutoramento” e confirmou o elevado interese que este acordo está a espertar entre a comunidade científica caboverdiana. O reitor da Universidade de Cabo Verde, Paulino Lima Fortes, vai máis aló apuntando que esta parcería “suporá un salto cualitativo, un cambio de era para o I+D mariño do país”, porque este tipo de alianzas permiten importar pero tamén exportar o coñecemento dos investigadores do seu país, “garantindo a calidade do noso I+D” e fortalecendo todo o sector produtivo ligado ao mar.

Obxectivos prioritarios

Ao longo dos cinco anos de duración do convenio formaranse un mínimo de catro doutores (dous da Universidade de Cabo Verde e dous do INDP) que poñan en marcha liñas de investigación aplicadas ao tempo que se reforzarán as capacidades do persoal docente e científico, polo menos 15 profesionais, a través de cursos especializados. Por outra banda, potenciarase a participación destes profesores e investigadores en foros virtuais e conferencias internacionais e incrementarase o volume de publicacións en Cabo Verde, cun mínimo de oito en catro anos. Finalmente, a través desta parcería fortaleceranse os plans de docencia universitaria relacionados co ámbito costeiro e mariño, xa que as institucións caboverdianas carecen de plans estratéxicos que definan as liñas prioritarias, distribución de recursos e indicadores que permitan optimizar os diferentes recursos económicos e humanos.

Plan estratéxico de cooperación ao desenvolvemento

Este convenio enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Cooperación ao Desenvolvemento do Campus do Mar, dependente da súa Comisión de Internacionalización. A súa finalidade é empregar as capacidades dos parceiros do Campus do Mar para impactar positivamente no desenvolvemento económico e social dos países, na súa calidade de vida, no seu crecemento económico e no desenvolvemento sostible a través da xeración de capacidades nacionais. Precisamente como delegado do reitor no Campus do Mar no tocante a cooperación e desenvolvemento, o ex-reitor Alberto Gago, asistiu a este acto virtual de sinatura, xunto con Manuel Fernández Iglesias, vicerreitor de Relacións Internacionais; Alberto González Garcés, director da Área de Internacionalización do Campus do Mar, Paloma Rueda, directora do CETMAR; Julio Taboada, secretario xeral do CETMAR e Yolanda Molares, directora da Área de Internacionalización do CETMAT.