DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O CACTI acollerá dous cursos de GPS diferencial e Termografía infravermella

O primeiro, o 9 e 10 de xuño e o segundo, o 16 e 17 do mesmo mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 02/06/2009

O Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación, CACTI, acollerá ao longo do mes de xuño dous cursos de GPS con base de referencia móbil e Termografía infravermella e determinación de emisividades. Nas anteriores edicións dos cursos, segundo apunta Ramiro Álvarez, responsable do servizo de Teledetección, “a experiencia foi excelente, practicamente todos os departamentos científicos e tecnolóxicos da Universidade enviaron algunha vez aos seus profesores, estudantes de doutoramento e estudantes”. Con todo, ao contar con equipos de alta tecnoloxía limitados para desenvolver a docencia práctica, os cursos adoitan limitar a matrícula a seis persoas, aínda que “se se presentaran máis, realizaríase outra edición máis adiante”, destaca Álvarez. Pero o éxito destes cursos é dobre, xa que “moitas persoas que asisten polo xeral despois convértense en usuarios habituais do CACTI e adoitan utilizar os equipos que aprenderon a manexar no curso”.
Entre os asistentes a estes cursos, o responsable de Teledetección salienta a alta participación e entre os departamentos que más usan actualmente os equipos destacan IRNMA, da ETSE de Minas, Xeociencias Mariñas, Ecoloxía e Bioloxía Animal, Física Aplicada, a ETSE de Telecomunicación, etc. Pero tamén recorren a estas iniciativas empresas e centros de investigación alleos á Universidade como PSA Peugeot-Citroen, Dayco ENSA, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia-CTAG, o Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, o Parque Tecnolóxico de Ourense e incluso outras universidades como a de Valencia.

GPS diferencial con base de referencia móbil

O curso de GPS diferencial con base de referencia móbil fai con esta a súa sexta edición, xa que como explica Ramiro Álvarez “houbo outros pero eran con base fixa e non con base móbil”. Os obxectivos deste curso, para o que os interesados se poderán matricular ata o vindeiro 8 de xuño, é dotar aos asistentes dos fundamentos do sistema GPS e do posicionamento diferencial, así como facerlles entender as características, funcións e manexo de todos os equipos, crear traballos de campo e configurar estilos de levantamento. Para isto iniciaranse no receptor base e no levantamento, medirán puntos, replantearán puntos, liñas e estradas e crearán modelos dixitais do terreo (MDT).
A docencia desenvolverase entre o 9 e o 10 deste mes e terá unha duración total de 12 horas en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas.

Termografía infravermella e determinación de emisividades

O curso de Termografía infravermella e determinación de emisividades desenvolverase tamén no CACTI os días 16 e 17 de xuño e a matrícula estará aberta ata o día antes do comezo. Ao longo das 12 de docencia afondarase nas características e funcións dos equipos de termografía infravermella e no funcionamento da cámara, permitindo así aos participantes establecer criterios e realizar termogramas dos obxectos seleccionados. Trátase de que entendan os compoñentes principais dunha cámara termográfica, as teorías para avaliar as imaxes termográficas, o entendemento básico emisión-reflexión, os procedementos e os problemas. Así, serán quen de realizar medicións adecuadas de temperaturas, revisar imaxes para a avaliación, executar un exame real infravermello, realizar revisións rutineiras de calibración, recoller datos válidos de axuda á inspección, realizar un informe termográfico, verificar as medidas de temperatura realizadas pola cámara, determinar a emisividade dun obxecto descoñecido ou realizar a captura de vídeo infravermello en tempo real e realizar mosaicos de termogramas.
A información sobre ambos cursos pode atoparse nos seguintes enlaces:
GPS diferencial con base de referencia móbil
Termografía infravermella e determinación de emisividades