DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro curso seguirase con outros centros

O CACTI prepárase para posibles emerxencias cun simulacro de incendio

Evacuáronse arredor de 70 persoas en cinco minutos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/06/2008

Ás 11.02 horas soou a sirena da alarma de incendios no CACTI, comprobouse que non era un falso aviso e en menos de cinco minutos o centro estaba completamente evacuado. Pode parecer preocupante pero non o é, pois tratouse do primeiro simulacro de incendio organizado no campus dende o Servizo de Prevención de Riscos Laborais. “Se ben a idea é ir establecendo estes plans de emerxencia en todos os centros do campus”, sinalaba Daniel de la Torre, comisionado do Departamento Técnico de Obras, Instalacións e Infraestruturas.
A activación dun detector na sala de cadros eléctricos do soto foi o pistoletazo de saída dun simulacro que, pese a penas durar uns minutos, tiña detrás varios meses de traballo de formación e preparación do persoal do centro.
Un xefe de emerxencias e tres equipos de traballo foron os encargados de facer que todo seguise o protocolo establecido, en total arredor dunha ducia de persoas encargadas de facer que nada quedase á improvisación e que, os arredor de 70 traballadores do CACTI máis o público que nese momento estaba nas diferentes oficinas do centro, estivesen a salvo. “No simulacro de hoxe participan tanto as persoas designadas para cada unha das tarefas coma os seus suplentes”, especificaba Mª José Montero, técnica de Prevención de Riscos Laborais. “Trátase de que participen todos para que poidan pór en práctica o aprendido”, continuou.

Un completo equipo de emerxencias

Xunto ao xefe de emerxencias, encargado de supervisar todo o proceso, participaron tamén o equipo de primeira intervención, “os encargados de comprobar a zona de orixe do incendio e avisar ao 112, así como o resto dos denominados equipos de emerxencia”, explicaba Moni Costela, traballadora da Conserxería. “Neste caso tócame tamén ser a xefa de emerxencias, debido a que hoxe non podía estar o director do centro que é quen ten este cargo. Na súa ausencia actuamos nós porque somos os que mellor coñecemos as instalacións”, explicou.
Unha vez detectado o incendio entrou en xogo o equipo de alarma e evacuación que, ademais de desaloxar o edificio, evitou que ningunha outra persoa entrase nel. “Ademais hai tamén un equipo de primeiros auxilios para poder actuar ata que chegue o 061 caso de que haxa algún ferido”, apuntou a técnica de prevención.
Unha vez rematado o simulacro chegaron as primeiras valoracións. “Implantar os plans de emerxencia é complicado porque non hai cultura preventiva nin de seguridade e o persoal toma estas cuestión un tanto a broma”, indica a técnica Mª José Montero. “Foi unha primeira experiencia, nuns meses volverá repetirse, iso si xa sen previo aviso”, continuou.